• O saldo migratorio de Galicia continuou sendo positivo en 2021 en 14.448 persoas
  • A Estatística de Variacións Residenciais (EVR) do Instituto Nacional de Estatística destaca que o ano pasado retornaron do estranxeiro a Galicia 5.381 persoas
17
Jun
2022

Galicia converteuse nos últimos anos en terra de retorno; un lugar escollido por miles de persoas cada ano para impulsar os seus proxectos persoais ou familiares; para vir ou para volver; para vivir. Unha percepción confirmada pola Estatística de Variacións Residenciais (EVR) que acaba de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE), que confirma, a peche de 2021, a tendencia do saldo migratorio da nosa terra, cun signo positivo de 14.448 persoas

Deste xeito, o número de persoas que elixen Galicia para vivir continúa en aumento. Así, durante o segundo ano da pandemia de Covid, no que se mantiveron certas restricións de mobilidade, recuperouse o retorno, pasando de 3.842 en 2020 a 5.381 persoas de nacionalidade española que entraron na comunidade autónoma.

Segundo a estatística realizada polo INE e recollida polo Instituto Galego de Estatística, os datos de 2021 para Galicia mostran que aumentaron as saídas cara a outras comunidades autónomas, pero aumentando tamén as entradas, co que o saldo migratorio con respecto ao resto de España foi de 3.251 persoas. 

Segundo a nacionalidade, nos movementos co resto de España aumentan as entradas en Galicia de españois nun 5,2%, mentres diminúen nun 10,1% as de estranxeiros. 

En relación aos movementos co estranxeiro, no 2021 aumentaron en relación ao ano anterior ao permitirse máis a mobilidade, pero o saldo seguiu, a pesar de todo, sendo positivo, chegando a superar as 11.000 persoas. 

En canto á poboación máis nova, é preciso destacar que nas variacións residenciais da poboación que ten entre 16 e 34 anos en 2021 deuse un saldo positivo de 4.342 persoas, chegando a Galicia máis novas dos que saíron.

Deste xeito, segundo estes datos, o retorno segue avanzando en cifras prepandémicas, preto das que se recolleron en anos anteriores á Covid.

Compartir