• Segundo os últimos datos oficiais, en 2020 elixiron Galicia para vivir 12.001 persoas máis das que saíron, cifra que evidencia que a nosa terra continúa entre as comunidades autónomas con maior impulso de atracción
17
Dec
2021

Galicia converteuse nos últimos anos en terra de retorno; un lugar escollido por miles de persoas cada ano para impulsar os seus proxectos persoais ou familiares; para vir ou para volver; para vivir. Unha percepción confirmada polos últimos datos publicados hai uns días o Instituto Galego de Estatística e que sitúan, a peche de 2020,  en 2.696.876 o número de habitantes da Comunidade, cun saldo migratorio positivo de 12.001 persoas

Deste xeito, e a pesar da pandemia, o número de persoas que elixen a nosa terra para vivir continúa en aumento: os españois residentes en Galicia nacidos no estranxeiro crecen un 4,6%, e os nados en España pero con nacionalidade estranxeira, un 7,2%.

Neste marco, e aínda que é verdade que o mencionado saldo migratorio positivo de 12.001 persoas é menor que o de 2019, cando se alcanzou o récord da serie histórica con 17.809, as cifras demostran que Galicia segue sendo un lugar atractivo para vivir, situándose como a sexta comunidade autónoma de España con maior impulso de atracción.

Así mesmo, e atendendo á orixe destes movementos, os datos confirman a tendencia dos últimos anos de incremento das entradas procedentes do estranxeiro e diminución das saídas. E con respecto aos movementos co resto de España de residentes en Galicia, aumentan de maneira importante as entradas procedentes doutras comunidades autónomas, cun un total de 14.494. 

Así, o saldo en poboación desde o resto de España é positivo, en 4.482 persoas máis das que saíron, mentres as entradas de cidadás e cidadáns estranxeiros en Galicia ascendeu a 14.504.  

Compartir