• Segundo os últimos datos oficiais, en 2019 elixiron Galicia para vivir 17.809 persoas máis das que saíron, o mellor saldo migratorio positivo de toda a serie histórica
  • En 2019 retornaron 6.574 galegos, facendo da nosa terra a comunidade autónoma con maior índice de retorno sobre as persoas que entran no país
21
Dec
2020

Galicia converteuse nos últimos anos en terra de retorno; un lugar escollido por miles de persoas cada ano para impulsar os seus proxectos persoais ou familiares; para vir ou para volver; para vivir. Unha percepción confirmada polos datos que publicaba hai uns días o Instituto Galego de Estatística e que elevan, a peche de 2019, até os 2.702.592 o número de habitantes da Comunidade, 2.151 que no ano precedente. 

Unha cifra que se alcanza, en gran medida, grazas á ‘Estatística de Migracións', que mostra que durante o último exercicio escolleron Galicia para residir 17.809 persoas máis das que saíron, o maior saldo migratorio positivo da serie histórica.

Por provincias, A Coruña creceu un 0,1%, pasando de 1.122.007 a 1 de xaneiro de 2019 a 1.123.550 na mesma data de 2020. Pontevedra manteñen a tendencia á alza, cun 0,3% (941.007), mentres Lugo baixa un 0,4% (329.587) e Ourense un 0,3% (307.841).

Segundo a orixe destes movementos, os datos confirman a tendencia dos últimos anos, tanto no que incremento das entradas procedentes do estranxeiro refírese, como na diminución das saídas. Con respecto aos movementos co resto de España de residentes en Galicia, aumentan tamén lixeiramente as entradas procedentes doutras comunidades autónomas e permanecen practicamente estables as saídas. 

Máis retorno

Galicia tamén gañou poboación desde o resto de España, xa que recibiu 891 persoas máis das que saíron, mentres as entradas de estranxeiros na nosa terra ascenderon a 16.918, aumentando un 19,3% con respecto ao ano anterior.

Á hora de valorar o incremento da inmigración, cabe destacar que as estatísticas non recollen os familiares ou descendentes dos galegos retornados que non contan con nacionalidade española, a pesar de formar parte da colectividade galega do exterior que regresa a Galicia. Deste xeito, as cifras van en coherencia cos importantes datos de retorno dos últimos anos, que supoñen un aumento tanto nas cifras dos retornados de orixe galega como das súas parellas ou fillos sen nacionalidade que tamén forman parte das estatísticas do saldo migratorio positivo, aínda que se computen como inmigrantes.

En 2019 retornaron a Galicia 6.574 galegos, convertendo a Galicia na comunidade autónoma con maior índice de retorno sobre as persoas que entran no país.

Compartir