- Máis de 17.500 persoas escollen a nosa terra para vivir só no último ano: delas, 16.866 chegaron desde o estranxeiro e 676 desde outra comunidade autónoma
- Case a metade desa poboación ten menos de 30 anos, mentres que unha de cada catro ten nacionalidade española
Galicia volve superar a barreira dos 2,7 millóns de habitantes. Unha cifra nada desdeñable na actual crise demográfica. E faino, fundamentalmente, grazas a un rexistro histórico: o do saldo migratorio, que contabiliza o crecemento máis elevado desde que hai estatísticas.
Así, durante 2019, máis de 17.500 persoas escollestes a nosa terra para desenvolver os vosos proxectos persoais e profesionais: 16.866 chegastes desde o estranxeiro, e 676 fixéstelo desde outra comunidade autónoma. Esta cifra total mellora nun 32% ao saldo de 2018: ese ano apostastes por Galicia como opción para vivir 13.252 persoas.
O escenario positivo alcanzado durante o 2019 permite poñer en valor outras cifras, como a idade e a procedencia. Case a metade dese saldo migratorio é xente nova, de menos de 30 anos. En concreto, 8.384 persoas. Fronte a isto, apenas un de cada 10 teñen máis de 65 anos. E unha de cada catro desas persoas procedentes do estranxeiro, son españolas, o que supón unha consolidación das políticas de retorno que vén implementando a comunidade desde hai anos.
AS CIFRAS SUPOÑEN UNHA CONSOLIDACIÓN DAS POLÍTICAS DE RETORNO
“Se o século XX foi o da emigración; traballamos para que o XXI sexa o do retorno”, subliñou en numerosas ocasións o secretario xeral dá Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. O reto pasa por ofrecer a todos os fillos e niegos daqueles que no seu día tiveron que partir, a posibilidade de volver á terra das súas orixes. Para iso, está en marcha a Estratexia Retorna 2020, un conxunto de actuacións transversais, que afectan a toda a administración galega, e que suman 235 millóns de euros co obxectivo de facilitar a volta a casa dos galegos repartidos polo mundo.
As últimas cifras coñecidas parecen dar a razón á Estratexia. Entre os países de nacemento das persoas que chegaron a Galicia neste 2019 destaca Venezuela, con 5.887 persoas. A continuación figuran Colombia, con 2.537; Brasil, con 1.952; e Cuba, con 1.188.