• O obxectivo é promover o retorno de 30.000 galegos do exterior para o que se destinan 450 millóns, dos que 50 son para actuacións dirixidas de modo concreto a aqueles que queredes volver á nosa terra
16
Dec
2022

Galicia reforza a súa aposta polo retorno. E faio cunha ambiciosa Estratexia que dá continuidade á posta en marcha fai algo máis dun lustro, incrementando para iso as partidas e actuacións destinadas a facilitar a volta a casa daqueles que desexedes volver á nosa terra.

Así, a nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 (ERG2026) duplica tanto en número de medidas (un centenar) como en orzamento á súa predecesora, a Estratexia Retorna 2020, aprobada en 2018 e que mantivo a súa vixencia ata este ano. "O obxectivo é favorecer o regreso de 30.000 galegos do exterior", resalta o presidente galego, Alfonso Rueda, que lembra que a primeira Estratexia superou as previsións iniciais de retorno ao partir dun obxectivo de 20.000 ao facilitar finalmente o regreso de 28.000 galegos ou descendentes a Galicia.

A continuidade deste programa -a primeira edición foi a primeira estratexia integral de apoio ao retorno posta en marcha en España- busca, por unha banda, facilitar o regreso a todos aqueles galegos e galegas do exterior que opten pola nosa terra para continuar os seus proxectos persoais e profesionais, e, doutro, compensar o saldo vexetativo negativo que rexistra a comunidade. En concreto, no primeiro semestre deste 2022, Galicia rexistrou un saldo vexetativo negativo (-10.651) mentres que o saldo migratorio, é dicir, o número de persoas que chegaron a Galicia, fronte ás que partiron foi positivo: 12.106 na análise das persoas procedentes doutros países e 622, respecto ao transvasamento de poboación entre comunidades.

De 15 a 50 millóns específicos

Das catro áreas en que incide a Estratexia, a laboral é a que aglutina unha maior cantidade de medidas (37), seguida da educativa (30), a social (25) e a de asesoramento, seguimento, coordinación e control (8). O documento inclúe, ademais, un aumento de propostas especificamente dirixidas aos galegos e galegas que queiran retornar, que pasan de contar cun orzamento de 15 millóns de euros a 50. A esta cifra hai que sumarlle aquelas medidas que ofrecen algún tipo de incentivo aos galegos e galegas do exterior que decidan regresar á súa terra, o que eleva o orzamento total a 450 millóns.

Trátase do documento reitor das liñas de actuación para as cidadás e cidadáns galegos residentes no exterior que, na actualidade, superan o medio millón de persoas, entre emigrantes e os seus descendentes. Recolle, así, as principais liñas de traballo en materia de retorno co obxectivo de facer de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior.

Respecto a os obxectivos demográficos, ata 2021 foron 28.000 persoas as que chegaron á nosa comunidade integrando unha familia galega, e a nova Estratexia Retorna Galicia márcase superar esta cifra ata chegar aos 30.000 retornados e retornadas.

Entre outras liñas de actuacións, permitirá proporcionar instrumentos de atracción profesional de poboación galega residente no exterior, así como a súa incorporación ao mercado laboral a través de medidas específicas, e potenciaranse as plataformas creadas para a xestión integral da información de interese e o asesoramento técnico.

Así mesmo, intensificarase o asesoramento, seguimento e apoio integral ás familias no retorno, e tamén ao emprendemento e ao autoemprego das e os galegos retornados, en especial no rural galego; facilitarase o acceso á vivenda a través da incorporación da figura dos retornados e retornadas ás liñas de axuda para aluguer, rehabilitación e compra; promoverase a continuidade educativa dos retornados e retornadas e dos seus familiares; e facilitarase a participación nos programas de inclusión sociolaboral, reforzando a capacitación das habilidades transversais máis demandadas polo mercado laboral e apostando por programas de desenvolvemento persoal da mocidade retornada.

Compartir