• Grazas a estas axudas poderás retornar á nosa terra para cursar un máster nalgunhas das universidades galegas con bolsas que oscilarán entre 8.000 e 12.500 euros
22
Dec
2023
Universitarios en la biblioteca de un campus gallego.

Se estás a pensar en volver a Galicia, hoxe tes unha boa noticia. As bolsas BEME que cada ano oferta o Goberno galego para facilitar a volta a casa de mozas do exterior, aumentan a súa contía. En concreto, a Secretaría Xeral da Emigración inclúe nos seus orzamentos para este ano un incremento medio de 500 euros nestas axudas que facilitarán que 250 universitarios galegos regresedes á nosa terra para estudar un máster.

Estas bolsas teñen un dobre obxectivo. Dun lado, que os mozos no exterior melloredes as vosas capacidades profesionais, e, doutro, que vos incorporedes ao mercado laboral fixando a vosa residencia en Galicia. Con este fin, a Xunta autorizou o aumento na contía individual para a nova convocatoria. O incremento, que oscila en función da duración do máster e o voso continente de orixe, elevará o orzamento total desta medida ata superar os 2,5 millóns de euros

As contías das BEME para este curso oscilan entre os 8.000 e os 12.500 euros. Este aumento busca compensar os efectos da inflación global e fortalecer o atractivo das bolsas para os titulados galegos que residides no estranxeiro. Cifras que poñen de manifesto o crecente esforzo financeiro da Xunta de Galicia para apoiar a educación superior e o retorno cualificado.

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia Retorna 2023-2026, recentemente aprobada polo Goberno galego, cuxo obxectivo é facilitar a integración e fixación da poboación galega cualificada procedente do exterior na comunidade autónoma.

Ademais do apoio financeiro, os beneficiarios das bolsas contaredes tamén cunha orientación laboral personalizada. Esta axuda adicional ten como finalidade fomentar o retorno activo da poboación en idade laboral e facilitar a vosa integración definitiva en Galicia, co respaldo dunha oferta académica aliñada coas necesidades do tecido produtivo e laboral da nosa terra.

Para ser beneficiario destas bolsas, debes ser galego por nacemento ou descendente, residir no exterior durante polo menos dous anos, ter menos de 40 anos e estar admitido na preinscrición dun dos másteres ofrecidos polas universidades galegas. As bolsas cubrirán non só os custos de matrícula senón tamén os gastos de viaxe, aloxamento e manutención.

Con esta nova convocatoria, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co talento galego no exterior, ofrecendo preto de 2.000 oportunidades de retorno ata a data actual, coa visión de fortalecer a comunidade galega a través da educación e da integración profesional.

Compartir