- A Universidade da Coruña e o Instituto Tecnolóxico de Galicia, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación, promoven un Centro de Excelencia en Investigación Artificial centrado en vehículos non tripulados e denominado 'Galaxy-Lab'
Galicia mantén a súa aposta pola industria aeroespacial. Un compromiso que nos últimos anos situou á nosa terra á vangarda, permitindo o impulso de importante proxectos como a Civil UAVS Initiative: unha iniciativa que está a permitir o desenvolvemento tecnolóxico e industrial no ámbito dos vehículos non tripulados.
Neste escenario, a Universidade da Coruña e Instituto Tecnolóxico de Galicia asinaron un convenio de colaboración para o impulso dun Centro de Excelencia en Investigación Artificial orientada ao desenvolvemento de drons , denominado 'Galaxy-Lab'. Para a execución deste proxecto, a institución académica cede a nave 14 da Cidade das TIC durante polo menos dez anos, permitindo así a investigación e o desenvolvemento cos métodos máis pioneiros.
A UDC achegará a este proxecto o seu coñecemento e investigación punteira en Intelixencia artificial, realizada no Centro de Investigación TIC (CITIC), o maior espazo de Galicia para indagar en Intelixencia artificial. O ITG encargarase da realización das obras, adquisición de infraestruturas, así como mantemento e conservación do edificio cedido.
O director xeral do ITG, Carlos Calvo destaca a importancia de "poñer en escena un centro de excelencia de primeiro nivel en Europa", que servirá para axuntar investigación e empresa, pois as compañías poderán usalo como espazo de probas.
Así, prevese que a curto prazo traballen neste centro entre dez e quince investigadores e entre trinta e corenta a longo prazo.
A nave 14 ocupa máis de mil metros cadrados, aos que hai que sumar as instalacións externas, que servirán para probas no exterior.
O 'Galaxy-Lab' recibirá tamén da Axencia Galega de Innovación unha subvención de 579.850 euros para a súa posta en marcha. Este proxecto permitirá reforzar a fortaleza competitiva do Polo Aeroespacial de Galicia e avanzar no despregamento do sistema de xestión do tráfico aéreo non tripulado deseñado pola Unión Europea, axustar os sistemas de geoposicionamiento e coordinar un espazo aéreo controlado real.