• Seis empresas e as universidades de Santiago e Vigo traballan en distintas solucións para a detección, o tratamento ou a prevención ante o coronavirus. As iniciativas enmárcanse nos ámbitos da saúde, a industria e o comercio
15
May
2020

As cifras levan xornadas concedendo unha tregua. Despois de dous meses de estado de alarma, Galicia tenta recobrar aos poucos a normalidade. Ou polo menos, introducirse na ‘nova normalidade’ camiño da ‘normal normalidade’ que tanto estamos a estrañar. Un escenario no que resulta fundamental atender ao que temos por diante: o coronavirus converteuse, polo momento, nunha realidade nos nosos quefaceres cotiáns. Prepararse para iso do mellor modo posible é unha obrigación de toda a sociedade no seu conxunto, e de empresas e administracións públicas en particular.

Neste sentido, Galicia impulsa nestes momentos 8 proxectos innovadores na loita contra o Covid-19 que aspiran a facer da comunidade un lugar seguro. Un paquete de solucións innovadoras que serán transferibles ao sector da saúde, a industria ou o comercio, e nas que o goberno galego traballa xa con seis compañías da comunidade e dúas universidades –Vigo e Santiago-.  

O proceso iniciouse con 160 proxectos recibidos, dos que se seleccionaron aqueles que encaixaban no ámbito de innovación.

SEIS PEMES GALEGAS 
  • AMSlab: desenvolve un proxecto para a rápida e sinxela detección molecular in situ do SARS- CoV-2, sen requirimento de instrumentación.
  • Setga: traballa en cabinas esterilizadoras.
  • Bionix Supplychain Technologies: aposta por un respirador de baixo custo industrializable a escala.
  • Técnicas de Soft: impulsa un respirador autónomo reutilizable.
  • Fentotek: desenvolve un ventilador invasivo con control de impulsión lineal
  • Creativigo Consultores de Innovación: traballa nun sistema de control de accesos por recoñecemento facial con captura da temperatura.
Universidad de Vigo
DÚAS UNIVERSIDADES
  • A Universidade de Santiago de Compostela, a través do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia ( Idega), impulsa un proxecto que xerará unha cartografía de risco do COVID-19 nos espazos urbanos e rurais da Comunidade co obxectivo de coñecer onde se localizan os principais focos de contaxio, con que  factores territoriais relaciónase e cales son os espazos crave de actuación para frear a propagación.
  • A Universidade de Vigo céntrase no desenvolvemento e validación de operativas de voo con sistemas aéreos non tripulados para efectuar tarefas de desinfección.

Deste xeito, Galicia dá un paso á fronte no impulso dunha serie de proxectos innovadores que poden contribuír a mellorar a diagnosis e o manexo clínico de pacientes infectados polo coronavirus e responder de maneira máis eficaz a esta pandemia.

A súa aplicación aos ámbitos da saúde, a industria e o comercio permitirá avanzar en medios de protección e prevención e contar con novos protocolos de seguridade sanitaria. Escenarios nos que a innovación se presenta como a mellor canle para dar resposta a estas demandas.

VEN A GALICIA. O SECTOR TIC NECESÍTACHE! 

Compartir