- Impulsaranse másteres de FP deseñados como cursos de especialización que permitan responder de forma rápida ás innovacións que se producen nos sistemas produtivos e que demandan profesionais de sectores emerxentes como big data, intelixencia artificial ou robótica
Galicia mantén a súa aposta polas novas tecnoloxías, pola formación e polas enerxías renovables. Un compromiso que, nesta ocasión, materialízase a través dun acordo entre a Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e a Agrupación industrial de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) para impulsar o traballo en común da Administración autonómica e as empresas. O obxectivo: desenvolver distintas accións no ámbito da Formación Profesional para conseguir formar a futuros operarios para este sector emerxente e que as empresas dispoñan de man de obra cualificada.
Esta iniciativa supoñerá un novo impulso aos ensinos de Formación Profesional e beneficiará tanto a alumnos, como a centros educativos e empresas.
Así, en virtude do acordo, a Xunta e a Agrupación industrial de Enerxías Renovables van desenvolver proxectos conxuntos de innovación nos centros educativos de FP enfocados, sobre todo, á transferencia de coñecemento entre industria e ámbito académico.
Trátase de másteres de FP deseñados como cursos de especialización que permitirán responder de forma rápida ás innovacións que se producen nos sistemas produtivos e que demandan profesionais de sectores emerxentes como big data, intelixencia artificial ou robótica, entre outros.
Ademais, un dos puntos deste acordo recolle o impulso da FP Dual, con proxectos específicos que se deberán formalizar a través de asina de convenios concretos con empresas interesadas.
Outra das liñas específicas de actuación é a formación tanto de docentes como do alumnado. Así, a Agrupación industrial vai colaborar na formación e capacitación do profesorado, do alumnado e na cesión de equipamento e instalacións. Tamén está previsto organizar cursos, mínaserios e estudos sobre temas referentes ás novas tecnoloxías.
Por último, Cluergal comprométese neste convenio para acoller nas súas firmas alumnado que estea a cursar ciclos formativos para que poidan realizar as prácticas. Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade comprométese a impulsar o recoñecemento da experiencia laboral dos traballadores e das empresas pertencentes a Cluergal mediante o programa de avaliación, recoñecemento e acreditación.