- As voces das entidades da diáspora falaron por videoconferencia co presidente da Xunta e o secretario xeral da Emigración desde América, Europa e o resto de España
Nos tempos do coronavirus faise máis necesario que nunca o contacto cos que están fóra, máis de medio millón de galegos repartidos polo mundo, os emigrantes que un día se embarcaron cara a unha nova vida en América, Europa, e os seus descendentes. Pode que o fixérades no século pasado ou fai uns meses, pero todos vivides con incertidume e preocupación a mesma pandemia, e agora lle toca a Galicia embarcarse nunha viaxe virtual para visitaros e preocuparse pola vosa situación.
Sodes 523.672 os galegos que vivides no estranxeiro, unha cifra moi alta para os que vos agardan na comunidade, pero coa tranquilidade de que vos mantendes unidos grazas á labor que desempeñan as Casas de Galicia, Centros Galegos, Agrupacións Culturais nados por todo o mapa mundial para que a galeguidade perdure alá onde chegara un galego coa súa maleta.
Sabiades que hai preto de 200 entidades na diáspora?
A Irmandade Galega de Venezuela, a Casa de Galicia de Montevideo, son exemplos históricos de colectividades que lograron unir, cada unha, a máis de 20.000 persoas asociadas. Un feito que as fai merecedoras de permanecer como membros natos do órgano da emigración, un órgano que representa ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia. Trátase do Consello de Comunidades Galegas, cunha Comisión Delegada que funciona estes días como voz da diáspora.
Nesta ocasión é a Xunta a que iniciou un periplo para visitar aos seus representantes, unha viaxe, virtual, como obriga o coronavirus, desde Galicia para o mundo. Concretamente desde San Caetano, sede do Goberno galego, onde o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, conectouse co delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, e cos membros da Comisión Delegada para coñecer a súa situación e escoitar as súas necesidades nestes días de crise mundial.
Queredes saber quen son?
Ademais da Casa de Galicia de Montevideo e a Irmandade Galega de Venezuela, forman parte do órgano da emigración o Centro Cultural e Deportivo Valle Miñor de Montevideo; a Asociaçao Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago de Salvador de Bahía; a Asociación Civil Fillos do Concello de Zas de Buenos Aires e a Sociedad Cultural Rosalía de Castro da Habana.
Os galegos de América conectándose desde Venezuela, Uruguai, Brasil, Arxentina e Cuba.
E desde Europa, puxeron voz á diáspora, o Centro Cultural de Cuxhaven, desde Alemania; o Centro Galego de Londres, desde o Reino Unido; o Centro Galego de Lisboa, desde Portugal; e a Asociación “As Xeitosiñas” de Zurich, desde Suiza.
E como a emigración galega non só traspasou as fronteiras españolas, desde Andalucía, Castela e León, Cataluña e a Comunidade Valenciana se entrevistaron cos representantes da Xunta os portavoces do Centro Galego de Salamanca; o Lar Galego de Sevilla; o Centro Galego de Castellón, “O Aturuxo”, e a Unión de Asociacións Galegas de Cataluña.
Tendes que saber que Galicia transmitiu aos seus galegos no exterior que a Administración autonómica está axilizando as axudas de carácter social co obxectivo de que estén dispoñibles o antes posible.
Ademais seguen abertas as subvencións ás que podedes optar desde estas entidades e o presidente asegurou “que se está traballando para adaptalos, se fóra necesario, ás novas necesidades que presenten”.
“Os vosos centros son a nosa cultura no exterior, as nosas costumes e os nosos valores e, como tal, temos que preservalos e coidalos”, destacou Feijóo.
O presidente tamén quixo lanzar unha mensaxe especial para dous países que están sufrindo esta crise con máis virulencia: “Venezuela, que suma esta situación tan complexa á súa xa fráxil estabilidade, y Arxentina, que acaba de sumarse hai xa dúas semanas ao noso confinamento e ás nosas urxencias, xunto co resto de comunidades autónomas de España e tamén os países de Europa”.
Unha mensaxe de apoio desde Galicia para os galegos na diáspora.