• Os sectores que máis emprego xeran nestes momentos na nosa terra son o alimentario, o da loxística, o sector sanitario, o sector pharma, a industria tecnoloxía e o sector da construción, a maioría dos cales require traballadores especializados
11
Jun
2021

Galicia avanza firme cara á recuperación do emprego perdido na pandemia. Ou iso dedúcese, polo menos, do estudo realizado pola multinacional Manpower, presentado esta semana coa participación da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Un informe que sitúa en 60.000 a proxección de novos postos de traballo para o mercado laboral galego durante o 2021 e o 2022Para comprender a magnitude do incremento, basta con apuntar que, durante a pandemia, destruíronse na nosa terra 21.000 empregos. 

"Temos unha sensación de optimismo de cara ao futuro, a evolución económica fainos augurar bos tempos para o emprego nos próximos meses", subliña José Manuel García Orois, director xerente da Cámara de Comercio. Se as proxeccións dos empresarios son certas, Galicia irá recuperando, ata o inicio de 2022, o emprego perdido pola pandemia e, aos poucos, regresarán as rutinas laborais precovid.

De feito, o teletraballo ou traballo en remoto ten data de caducidade, xa que oito de cada dez empresarios na rexión noroeste cren que a volta ao traballo presencial a tempo completo producirase a mediados de 2022En consecuencia, só o 10% dos empresarios cre que a combinación do traballo presencial co teletraballo poida ser unha opción que chegase para quedar.

Actualmente, os sectores que xeran emprego son o alimentario, o da loxística, o sector sanitario, o sector pharma, a industria tecnoloxía e o sector da construción, a maioría dos cales requiren traballadores especializados, o que está a xerar problemas aos empresarios á hora de atopar perfís que se adapten ás súas necesidades, como recoñecen seis de cada dez.

Neste sentido, a formación é unha das principais débedas do mercado laboral español e galego, a cal entronca directamente coa dixitalización pendente de moitas empresas galegas, fundamentalmente as pemes.

"Hai un desaxuste evidente. Temos un problema de emprego entre os mozos, cun espectro moi dispar, cunha gran distancia entre os sobrecualificados e os infracualificados. Hai un desaxuste de talento que hai recuperar", explicou Manuel Solís, director xeral de Manpower, que fala da dixitalización como a gran tarefa pendente das empresas galegas, fundamentalmente as pemes. "As empresas que se dixitalizaron ou seguiron creando emprego ou non o destruíron, e o 86 por cento das empresas están pendentes de dar ese salto", engadiu.

Solucionar ambos os problemas pasa pola educación de traballadores novos e sénior, "que aínda teñen moito que achegar", defende Solís, que considera "fundamental" a FP: "Non imos ser capaces de absorber moito máis emprego de baixa cualificación porque non o hai", engade para insistir na necesidade de poñer os medios para facer máis competitivas ás persoas que buscan emprego e con elas ás empresas da comunidade.

"Non nos podemos conformar con recuperar a actividade precovid, temos que aproveitar a oportunidade de crecer máis aceleradamente e paliar todas as carencias que temos", conclúe Solís.

Compartir