- As medidas para facilitar a volta a casa contribúen a reverter a tendencia ascendente do número de galegos do exterior, que baixan por primeira vez ata os 527.449
Galicia converteuse nos últimos anos en terra de retorno; un lugar escollido por miles de persoas cada ano para impulsar os seus proxectos persoais ou familiares; para vir ou para volver; para vivir. Unha percepción confirmada polos datos que acaba de publicar o Instituto Nacional de Estatística e que revertan a tendencia ascendente do número de galegos do exterior, que se sitúa en 527.449 fronte aos 529.038 do ano anterior.
Así, ao 1 de xaneiro de 2023o INE constata un cambio na tendencia do continuo incremento da poboación galega rexistrada no PERE, que diminúe en 1.589 persoas con respecto ao ano anterior. Ademais, os datos evidencian que o número de galegos do exterior nados en Galicia segue descendendo, consolidando así a tendencia iniciada fai xa oito anos.
Deste xeito, o número de emigrantes (galegas e galegos nados en Galicia residentes no exterior) pasa dos 136.962 que había inscritos en 2022 aos 131.446 que hai actualmente, baixando en 5.516, producíndose, á vez, un cambio de tendencia na poboación galega que reside no exterior que baixa dos 529.038 aos 527.449.
Os datos achegados polo PERE destacan que Arxentina segue sendo o país con maior número de galegas e galegos residentes, 189.499, seguida por Brasil (50.333) e por Cuba (46.968). O cuarto país do mundo en número de cidadás e cidaáns galegos, e primeiro de Europa, é Suíza con 41.121. Francia, Alemaña e Reino Unido completan a lista de países con maior colectividade galega no continente europeo.
Segundo o lugar de nacemento, aumentou a porcentaxe de nadas e nados no estranxeiro nas novas inscricións recollidas en 2023, situándose no 86,4%, sendo Arxentina e Cuba os países co maior número de novas inscricións. O 24,9% das e os galegos residentes no exterior naceron en Galicia (fronte ao 42,44% de 2009), mentres o 73,6% naceron xa no estranxeiro.