• Entre 2015 e 2020, o emprego nesta área aumentou máis do 23% na nosa terra
  • Un informe publicado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia estima que se poidan chegar a crear máis de 4.500 novos empregos na comunidade durante o próximo lustro
08
Nov
2021

A nosa terra segue atenta á demanda de emprego tecnolóxico. Un sector, o das TIC, que emprega nestes momentos en Galicia a máis de 19.300 persoas, o que supón case un 2% máis que o ano pasado. Así mesmo, se botamos a vista atrás, este incremento na Comunidade elévase ata o 23,3% durante o último lastro. Unha crecida que, segundo apuntan os expertos, non fixo senón comezar. Se estás a pensar en volver a Galicia e buscas emprego na industria tecnolóxica, agora tes unha gran oportunidade.

O último informe publicado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia estima que se poidan chegar a crear máis de 4.500 novos empregos na comunidade durante o próximo lustro. Unha creación de postos de traballo que se enmarca, así mesmo, nun escenario de calidade e transversal, que afecta á maioría de áreas da economía.

Neste sentido, o informe revela que tres de cada catro empresas TIC galegas teñen dificultades para cubrir estes postos cualificados. Isto a pesar de que máis do 21% dos alumnos do Sistema Universitario de Galicia, preto de 13.000, estaban matriculados en graos STEM en 2019.

Perfís máis demandados

Así, e en relación á demanda específica de determinados perfís profesionais, o Observatorio resalta cara ás novas necesidades de contratación que están a xurdir no sector ao amparo das tecnoloxías disruptivas. Os datos son a nova materia prima e requiren talento dixital que xestione a información e xere valor engadido a partir da súa análise. Un 47,2% das empresas TIC de Galicia que desenvolve funcións no ámbito da Xestión dos datos demanda perfís relacionados con Big Data

O incremento de ameazas á seguridade na internet require perfís capacitados para desenvolver solucións e implementar medidas de seguridade que freen ameázalas  cibernéticas. Así, un 42,5% as empresas TIC de Galicia con liñas de negocio no ámbito da  Ciberseguridade demanda perfís dixitais especializados nesta materia.

Ademais, un 41% das empresas TIC de Galicia que desenvolve funcións no ámbito das tecnoloxías verdes require profesionais STEM no ámbito da economía verde e circular que permita a transición a fontes de enerxías renovables, limpas, seguras e eficientes.

Con respecto ás  soft  skills, a capacidade para a aprendizaxe é a calidade máis valorada polas empresas TIC de Galicia (90,6%) nas persoas tituladas  STEM que contratan. Con porcentaxes que oscilan entre o 85 e o 90%, o sector TIC de Galicia tamén demanda calidades relacionadas coa motivación, a capacidade para resolver problemas, coñecementos prácticos e adaptabilidade.

Por tanto, ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, as coñecidas como especialidades STEM, son as máis reclamadas polas empresas do sector de Tecnoloxías da Información e a Comunicación na nosa terra. Unha industria e un mercado laboral que, lonxe de verse prexudicado pola pandemia, reforzouse. A transformación dixital e a modernización tecnolóxica, a través da dixitalización, son xa as claves do progreso económico e social en Galicia.

A dixitalización da economía está a crear novas profesións e novas oportunidades laborais, á vez que demanda unha actualización dos profesionais ao longo da súa traxectoria profesional. 

Neste sentido, o 68,1% dos perfís  STEM amplía as súas capacidades dixitais a través dun máster ou dun doutoramento. En segundo lugar, case un 25% opta por formación non regrada proporcionada por un centro privado e un 21,3% amplía os seus estudos cun segundo título universitario, contando así con dobre titulación.

Compartir