• Os programas 'Principia' e 'Talento Senior' abren as portas de regreso á nosa terra a aqueles galegos do exterior que contades con experiencia profesional e alta cualificación
22
Feb
2021
Investigadores

Galicia busca talento investigador. E faino nesta ocasión a través de dous programas que suman 2 millóns de euros para contratar a máis dun centenar de profesionais de alta cualificación en I D i

Principia e Talento Sénior teñen como obxectivo xerar, reter e atraer talento á nosa terra, fomentando o emprego cualificado como factor diferencial máis importante na innovación das empresas e entidades. Ambas as iniciativas, incluídos na Estratexia Galicia Retorna, axudan así a contribuír ao regreso daqueles galegos do exterior que contades con experiencia e alta cualificación.

Principia: unha oportunidade para 100 mozos investigadores 

No caso do Principia, trátase da sexta convocatoria, dotada esta vez cun orzamento de 1.080.000 euros para que empresas e organismos de investigación contraten persoal técnico, novo e cualificado, para abordar actuacións de I D i, prevendo a incorporación de ao redor de 100 mozos e mozas de ata 35 anos.

Os apoios serán de 10.000 euros por contrato, que debe ter unha duración mínima dun ano e estar formalizado desde o 1 de xaneiro do ano 2021 e ata o 1 de novembro de 2021. As entidades que o soliciten poderán ademais ser beneficiarias dun bono de formación por un importe de 1000€ por cada traballadora ou traballador incorporado mediante este programa. 

Talento senior: a volta a casa de tecnólogos ou doutores con gran experiencia 

Por outra banda, a cuarta convocatoria de Talento Sénior facilitará a contratación de 14 tecnólogos ou investigadores doutores con máis de cinco anos de experiencia en empresas, organismos de investigación non universitarios públicos e privados e centros tecnolóxicos. 

O obxectivo é a atracción e retorno deste persoal de alta cualificación para que continúe desenvolvendo a súa carreira profesional en Galicia, así como estimular a demanda no sector público e privado deste tipo de perfís para acometer proxectos de I D i. Os incentivos á contratación variarán entre un 40% e un 60% en función da retribución bruta, que será dun mínimo de 40.000 euros. Os contratos serán dun período mínimo de tres anos e poderán estar formalizados desde o pasado 1 de xaneiro ata o próximo 1 de outubro. 

As anteriores convocatorias de ambos os programas permitiron, ata a data, a incorporación de 578 profesionais cualificados a actividades de I D i en empresas e centros de coñecemento galegos. 

Compartir