• O plan, que suma ata 62 millóns de euros, inclúe axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas
04
Jun
2021
Niños

Galicia duplica a súa aposta polas familias numerosas. E faio cun novo Plan que suma ata 62 millóns de euros. Un documento que recolle un total de 48 medidas para ofrecer axudas en distintos ámbitos ás familias con tres fillos ou máis repartidas en cinco áreas de actuación: educación, cultura e lecer; vivenda, transporte e subministración; apoio ás familias para a conciliación corresponsable e o impulso demográfico; beneficios fiscais; e outras medidas.

Entre as principais novidades destaca a dixitalización do título de familias numerosas, que permitirá ter un acceso máis cómodo e individualizado. Trátase da renovación do Plan de familias numerosas 2013-2016, horizonte 2020, que tivo que demorar a súa modificación por mor da pandemia. Este novo documento abarcará ata o ano 2023 e recolle outras novidades, como os descontos nas autoestradas dependentes da Xunta, unha medida que se fará realidade este verán.

Axudas na educación

Entre as axudas deste plan están aquelas referidas ao acompañamento dos máis pequenos polas diferentes etapas educativas e tamén nas actividades de cultura e lecer. Así, inclúe a redución ou exención, no caso das familias numerosas de categoría especial, do pago das matrículas universitarias, unhas vantaxes que se estenden a outros estudos superiores, residencias ou ao pago das taxas para a expedición de títulos.

Así mesmo, tamén se ofrecen descontos na compra de entradas en espectáculos e eventos culturais ou axudas para o servizo de comedor escolar para o alumnado de ensino básico obrigatorio.

Beneficios para o acceso á vivenda

En segundo lugar, o Goberno galego busca acompañar as familias numerosas no seu acceso á vivenda. Por iso, Galicia é das comunidades que as incorporou como sector preferente no Plan estatal de vivenda.

Así mesmo, aplícanse bonificacións do 50% no canon da auga e vertedura e ofrécense axudas para facer fronte á factura eléctrica, que chegan aos 450 euros ao ano.

No ámbito do transporte ofrécense descontos do 20% ou do 50% nas viaxes en transporte público da Xunta para familias numerosas de categoría xeral e especial, respectivamente.

Alternativas para conciliar

A terceira área en que se centra este plan é na axuda ás familias que precisan conciliar a súa vida laboral e familiar. Neste sentido, ofrécense axudas para redución de xornada, que no caso das familias numerosas poden ser de ata 3.700 euros para compensar a renuncia á metade da xornada laboral.

Neste aspecto, a Xunta tamén duplica a contía da Tarxeta Benvida para as familias numerosas. Pode chegar aos 2.400 euros ata os tres anos, e aos 3.000 no caso dos fogares do rural.

Así mesmo, neste punto tamén se inclúe a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos, unha medida que beneficia á totalidade das familias numerosas de Galicia.

Beneficios fiscais

O cuarto punto de actuación fai referencia aos beneficios fiscais. Galicia é a única comunidade de España que ofrece unha dedución de ata o 100% do imposto sobre transmisións patrimoniais (ITP) e os actos xurídicos documentados (AJD) para as familias numerosas que compren a súa vivenda habitual no rural.

Así mesmo, tamén se recollen deducións autonómicas do IRPF, que poderán ir desde os 250 euros, na categoría xeral, ata os 800 euros no caso das familias numerosas especiais cun membro con discapacidade.

Por último, o Goberno galego ofrece outras vantaxes ás familias numerosas, como reducións das taxas en procesos selectivos de empregado público ou axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas, unha medida que se atopa dentro da Estratexia Retorna 2020.

Compartir