• Julián Lamas Rodríguez, galego, 38 anos, vive na capital de Alemaña e é un dos socios de De Berlín Son, asociación cultural galega posta en marcha o ano pasado. Hoxe, media pandemia despois, manteñen as clases entre medidas e precaucións mentres que planifican onde pasar o Nadal
01
Dec
2020

Pasaron xa noves meses desde marzo. Un embarazo completo no que Galicia, España e Europa han ido tomándolle o pulso á pandemia. Confinamentos domiciliarios, peches perimetrales, estados de alarma, índices de positividad, presión asistencial… Palabras e expresións que atoparon un oco nas nosas charlas, asentándose con sixilo, case senqu erer, como esa visita exasperante que non acaba de entender que tes soño.

“E non se podían crer que nun día o mundo púxose patas para arriba e que vivían nun distinto. No mundo de Chernóbil”. Ou no de Covid. A mesma sensación de estrañeza e caos que relata Svetlana Alexievich nas súas Voces de Chernóbil.

Voces que hoxe, como as da galeguidade, chegan de todas partes do mundo. Por exemplo, desde o corazón de Alemaña, onde a asociación De Berlín Son suma ano e medio de existencia co obxectivo de “apoiar a cultura galega” no país.

Cóntanolo Julián Lamas Rodríguez, galego, 38 anos, que deixou atrás a súa terra por traballo: “Xurdiu a oportunidade e quedeime. Son xestor de proxectos nunha empresa de software”. Algo que non lle impide seguir cunha das súas afeccións, que trasladou até Berlín: a pandereita.

“A asociación naceu cuns obxectivos moi amplos e xenerais de apoiar a cultura galega en Berlín, pero a nosa principal actividade é a pandereita”, resume Julián, á vez que lembra que un “primeiro ano moi activo” no celebraron un par de foliadas, un concerto en Nadal, ou participaron no Entroido das Culturas de Berlín, un festival intercultural e internacional.

Pero logo, claro, chegou o Covid, obrigando a “cancelar unha chea de cousas”: festas, reunións, actividades… “Ultimamente quedamos unha vez á semana para practicar coa pandereita”, continúa Julián, que detalla que vai menos xente que antes, e que “algúns prefiren non quedar”. Todo a pesar das medidas de seguridade, á restrición de accesos, ás máscaras e os biombos de metacrilato que agora adornan o local.

Peaxes en tempos de pandemia que enrarecen a atmosfera, algo extensible a toda a cidade. “O ambiente está un pouco apagado para ser Berlín: es como Münich o resto do ano”, chancea Julían, que recoñece que non sabe que fará este Nadal.

“Non sei si poderei volver a casa, empezando porque non sei si poderei facerme a proba. Todo o mundo quere marcharse ao mesmo tempo e os laboratorios están saturados. Hai xente que xa arranxou, pero outros estamos a dubidar, mirando a ver que é o que pasa”, relata Julián, partidario, en calquera caso, desa prudencia tan galega: “Si non se pode, trasladamos o Nadal a febreiro ou marzo, cando se levanten as medidas, xa estea a vacina e sexa todo máis seguro”, ironiza. 

E non lle falta razón, a pesar da “congoja” que produce pensar nunha  Noiteboa berlinesa. Cear en casa, falar vía ‘Zoom’, quedar, talvez, con algúns amigos que tampouco fagan as maletas… Quizá, quen sabe. Pero seguro que de fondo soará unha pandereita.

Compartir