- Desde a posta en marcha destas bolsas xa son 700 os mozos que decidiron sumarse a esta oportunidade, fortalecendo os lazos con Galicia a través da formación
As Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (Beme) terán o próximo ano 200 prazas, un 30% máis que o curso actual. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejióo, durante o acto de entrega de diplomas aos alumnos que recibiron este ano una destas bolsas, financiadas polo goberno galego.
Durante o acto, celebrado na Cidade da Cultura, o titular da Xunta destacou, ademais, que este aumento de prazas conleva un incremento do orzamento de 1,3 millóns a algo máis de 1,7 millóns de euros, de modo que as bolsas estarán dotadas con entre 7.000 e 11.475 euros.
A oferta de cursos máster chegará a 90 nas tres universidades galegas o próximo curso, nove máis que este ano, "aoineados coas necesidades do tecido produtivo galego".
Núñez Feijóo convidou aos mozos que cursaron estes estudos e recibiron esta axuda para quedar en Galicia, como o fixeron "o 70 % dos alumnos" que en edicións anteriores fixeron estes másteres. "Contamos convosco para seguir facendo unha Galicia nova, dinámica e familiar", destacou o presidente galego.
María Jimena Sodorini, unha alumna arxentina que falou en representación dos bolseiros, destacou "a oportunidade" que supuxo para estes estudantes realizar este curso en Galicia a pesar da pandemia.
"Permitiunos adquirir novos coñecementos, ter novas oportunidades laborais e reencontrarnos con Galicia, a terra que as nosas familias ensináronnos a amar", destacou.
No acto interveu tamén o reitor da Universidade de Vigo , Manuel Reigosa, e asistiron, entre outros, o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.