- Esta iniciativa, posta en marcha durante a pandemia para seguir achegando a cultura e a tradición da nosa terra aos galegos da diáspora, suma preto de 350.000 reproducións das distintas clases impartidas
- Hoxe, a partir das oito da tarde (hora peninsular española), todos os que queirades podedes participar e degustar de modo ‘virtual’ do taller de gastronomía galega que impartirá o chef André Arzúa
Calquera problema pode acabar converténdose nunha oportunidade. A frase, un deses lugares comúns nos que un se refuxia para tratar de resumir unha evidencia, volve poñerse de manifesto coa Aula Galicia Aberta.
Esta iniciativa, posta en marcha polo Goberno de Galicia como consecuencia da pandemia, e co obxectivo de seguir achegando a cultura e a tradición da nosa terra aos galegos da diáspora, resultou ata a data todo un éxito. As cifras así o avalan: preto de 350.000 reproducións en redes sociais.
A través de Facebook Live e da canle de Youtube da Secretaría Xeral de Emigración, miles de galegos de todo o mundo puidestes gozar e aprender coas clases de canto e pandeireta, percusión, gaita e baile, e coas sesións de conta contos en galego estreadas hai unhas semanas.
A partir de hoxe, poderedes seguir gozando -agora coa gastronomía galega-, nun seminario que imparte o chef André Arzúa. El será o encargado de achegarvos diferentes pratos e receitas elaboradas desde Galicia, adaptándoas, nos casos nos que sexa posible, aos ingredientes e métodos empregados e á realidade gastronómica dos países con maior presencia de galegos.
Lembrade, hoxe, a partir das oito da tarde, en horario peninsular español, podedes participar de modo gratuíto deste seminario, que se emitirá no Facebook Live da Secretaría Xeral dá Emigración. Unha canle a través do cal poderedes expoñer dúbidas e realizar comentarios sobre as receitas que se vaian executando.