• A estas prazas de Formación Profesional tamén poden optar os emigrantes retornados
28
Jun
2021

Galicia estrea o próximo curso 13 novos másteres de Formación Profesional e 99 proxectos de FP Dual repartidos en centros educativos ao longo de toda a xeografía galega. Unha proposta para a que xa está aberto o prazo de solicitude, situación na que tamén se atopan os ciclos formativos do réxime común, do réxime para as persoas adultas e dos programas formativos básicos.

Os másteres de FP constitúen unha nova oferta da nosa terra para este ano, impulsando estes ensinos como unha porta aberta ao emprego. Trátase de cursos de especialización en áreas punteiras como a implementación de redes 5G, o big data ou a intelixencia artificial, cos que se busca favorecer a empregabilidade das e os titulados da FP galega nas profesións de futuro. A estas prazas de Formación Profesional tamén poden optar os emigrantes retornados.

Serán un total de 21 os centros educativos que impartan estes 13 másteres de FP, nun total de 27 grupos. Os requirimentos de acceso para as 540 prazas convocadas poden consultarse na área específica do Portal de FP. A data límite para a presentación de solicitudes é o 5 de xullo ás 13.00 horas.

No caso da FP Dual, convócanse 1.400 prazas en 99 proxectos, que se desenvolverán en 49 centros coa colaboración de 374 empresas, en cuxo centros de traballo desenvolverá o alumnado boa parte da formación. Neste sentido, os ciclos de Dual constitúen unha oportunidade para que empresas e alumnado retroaliméntense, de tal maneira que os centros de traballo poidan incorporar as técnicas innovadoras coas que se traballa nos centros que imparten FP e o alumnado poida formarse en situacións de traballo real. O éxito desta modalidade tradúcese nunha inserción laboral dos seus titulados e tituladas superior ao 90%.

Neste caso a data límite de presentación de solicitudes é o 2 de xullo ás 13.00 horas. O período de selección por parte da empresa colaboradora e do centro educativo irá do 8 ao 14 de xullo, e as persoas finalmente seleccionadas poderán matricularse do 16 de xullo ás 9:00 h. ao 23 de xullo ás 13:00 h. As instrucións xerais do proceso de admisión poden consultarse na área específica do Portal de FP.

Así mesmo, abriu tamén o prazo de solicitude de praza nas 29.950 prazas ofertadas nos réximes común e no réxime para as persoas adultas nos centros públicos en 1.163 ciclos e programas formativos autorizados para o próximo curso, incluídos os programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa. En todos os casos poderase presentar a solicitude ata o próximo 5 de xullo ás 13.00 horas.

Compartir