• Elaboran o primeiro mapa de risco español ante pandemias que mide a vulnerabilidade de cada localidade de España durante a segunda onda da pandemia de Covid-19
01
Jun
2022

Un equipo de físicos e de xeógrafos da Universidade de Santiago de Compostela creou un descriptor matemáticou que permite identificar os territorios máis susceptibles de sufrir brotes pandémicos e estimar o impacto das diferentes restricións de mobilidade. Sobre esta base aséntase o primeiro mapa de risco español ante pandemias, co que os científicos mediron a vulnerabilidade de cada localidade de España durante a segunda onda da pandemia de Covid -19.

O estudo pon de manifesto que un illamento por grupos de idade sería máis efectivo que o confinamento territorial por municipal. Así, dentro das combinacións favorables, observaron que illar por completo ao grupo de poboación de 0 a 19 anos, e á de máis idade (de 70 anos en diante) e máis vulnerables, provocaría unha redución global do impacto da pandemia, con mellor resultado que se se illa un municipio enteiro.

Os científicos Alejandro Carballosa, Pablo Boullosa, Adrián Garea, Jorge Mira e Alberto Pérez Muñuzuri, da Facultade de Física; e José Balsa Barreiro e Anxo Miramontes, da Facultade de Xeografía e Historia, publicaron os seus resultados na revista Chaos. Entre outras achegas, o traballo tamén permite detectar que zonas xeográficas son máis vulnerables ante as pandemias, e poderían requirir reforzo de apoio médico.

Os investigadores analizaron a incidencia do virus en combinación cos fluxos de mobilidade durante a segunda onda da pandemia de Covid (do 1 de agosto ao 30 de novembro de 2020) e consideraron varios escenarios de confinamento e contención para control da propagación do virus. "As simulacións realizadas suxiren que o confinamento das persoas economicamente inactivas pode xerar unha redución significativa do risco", sinalaron estes científicos, que apuntaron que o resultado desta medida sería o equivalente ao do confinamento total da poboación.

Modelo Multicapa 

Para a súa investigación, recrearon o mapa de poboación de España a nivel municipal e estudaron os datos de incidencia da Covid-19, axustando o seu modelo matemático ás curvas de infectados de cada municipio. Unindo eses datos cos fluxos de movementos intermunicipais, simularon a evolución da pandemia ao longo do Estado, contemplando varios escenarios posibles.

Así mesmo, analizaron as mellores estratexias para o control da pandemia, considerando tanto confinamentos a nivel territorial como por grupos de idade.

Trátase dun modelo 'multicapa' que, ademais de abordar os datos específicos da pandemia, permite engadir características especiais da xeografía dun lugar, como rede de estradas, comunicacións e mobilidade poboacional, así como estratificación por idades.

Compartir