• Trátase do primeiro sistema autónomo e intelixente para a alimentación de gaiolas acuícolas de pequeno e mediano tamaño tanto en mares como lagos, instalado nunha plataforma flotante energéticamente eficiente
23
Mar
2021

Hai moitas formas de traballar o futuro, pero case todas pasan pola innovación. Un esforzo permanente por situarse na vangarda no que a nosa terra leva tempo instalada a través de distintas iniciativas. Como o proxecto 'Seafeed', relacionado co mar e a acuicultura, e que foi presentado recentemente. 

Trátase do primeiro sistema autónomo e intelixente para a alimentación de gaiolas acuícolas de pequeno e mediano tamaño tanto en mares como lagos, instalado nunha plataforma flotante energéticamente eficiente.

Este sistema permitirá optimizar os procesos de alimentación en acuicultura mariña a través da implementación dun modelo virtual de xestión intelixente que aplica técnicas de aprendizaxe automática e permite un control completo sobre o proceso. Ademais, posibilita a mellora continua dos procesos produtivos a través do uso dun software de xestión e adáptase facilmente a calquera tipo de instalación acuícola mariña, independentemente do seu tamaño, da especie cultivada e da natureza do penso de engorde.

Así mesmo, está instalado sobre unha plataforma de baixa tonelaxe, eficiente, segura e autónoma, grazas a un sistema de xeración de enerxía eléctrica a partir de renovables.

A tecnoloxía que hai detrás deste sistema foi desenvolvida polo consorcio integrado polas empresas galegas Feeding Systems, Quantum Innovative, Engranor e Montaxes Cancelas, coa colaboración dos grupos de investigación da Universidade de Vigo CIMA e ECIMAT, achegando así tecnoloxía propia á industria acuícola galega.

Cada un dos socios participou naquilo no que ten máis experiencia: Engranor construíu o dosificador de alimento; Montaxes Cancelas encargouse da plataforma flotante; Quantum Innovative, dos sistemas de alimentación eléctrica; e a xestión do conxunto e a ensamblaxe final recaeu sobre Feeding Systems.

Compartir