• Atención sanitaria, limpeza industrial, xestión de chamadas, loxística, educación, industria farmacéutica e empresas TIC son os sectores con máis posibilidades na 'nova normalidade' marcada polo Covid-19
  • Estas áreas poden ser de interese para galegos que retornastes e buscades iniciar unha aventura empresarial ou conseguir un emprego
13
Jan
2021

"A crise é a mellor bendición que pode sucederlle a persoas e a países, porque a crise trae progresos". A frase, de Albert Einstein, podería resumirse no tan manido devandito de que toda crise leva unha oportunidade. Ou, polo menos, e como neste caso, novas opcións de traballo en función da oferta existente, marcada, neste caso, pola 'nova normalidade' que trouxo aparellada a pandemia do Covid-19. 

Neste escenario, o goberno galego ten elaborado unha completa listaxe que analiza os nichos de mercado con maior proxección na nosa terra, e nos que o emprego se mostra máis activo. Entre estes, destacan as novas tecnoloxías aplicadas á sanidade, ao comercio electrónico, ás cadeas de montaxe industrial e á ciberseguridad. A educación, a atención domiciliaria da dependencia e a loxística ou a consultoría informática consolídanse tamén como nichos de emprego a pesar da crise sanitaria, que está a repercutir de maneira negativa noutros sectores da economía galega vinculados co comercio, o turismo ou a hostalería. 

Por tanto, as mencionadas áreas poden ser de gran interese para aqueles galegos que retornastes e buscades iniciar unha aventura empresarial ou conseguir un emprego.

Unha ducia de sectores con incrementos na Seguridade Social 

A situación de 'nova normalidade' fixo que unha ducia de sectores estean a demandar perfís concretos de traballadores e incrementasen nos últimos meses de ano as cifras de afiliacións á Seguridade Social con respecto a 2019. Trátase das actividades sanitarias, emprego público, educación, sector automobilístico, limpeza industrial e de edificios, actividades administrativas na xestión de chamadas, Tics, dependencia, telecomunicacións, servizos técnicos de enxeñería, loxística e distribución e da industria farmacéutica

Algunhas destas actividades xa viñan destacadas polo seu dinamismo na Guía de ocupacións con mellores perspectivas de emprego elaborada polo Observatorio de Emprego de Galicia, antes do Covid-19. Como a atención á saúde, na que xa se subliñaban as boas perspectivas de emprego para médicos de familia, persoal farmacéutico e técnicos en emerxencias sanitarias; ocupacións cualificadas ben situadas no mercado de traballo galego e que, pola influencia da covid, ven incrementada a súa presenza. 

Os novos retos tecnolóxicos vinculados á sanidade apuntan cara a futuras necesidades de técnicas e técnicos data scientist (para orientar as decisións para partir da análise de enormes cantidades de datos) e desarrolladores de apps (dirixidas á mellora da atención aos pacientes). 

Emprego público, automóbil, limpeza e informática

A oferta de emprego público impulsada polo propio goberno galego está a dinamizar tamén o mercado neste ámbito. Existe demanda crecente de profesionais ligados á educación. O menor aforamento nas aulas e a rotación de profesorado esixe de maior número de docentes e maior esixencia no uso de innovacións educativas. 

As afiliacións no último trimestre do ano evidencian, por outra banda, un incremento traballadores no sector do automóbil, sobre todo na provincia de Pontevedra, onde se demandan para traballos de enxeñería e ensamblaxe nas liñas de produción. Neste campo existen  perfís emerxentes, como persoal técnico en robótica e en diagnóstico por imaxe.

Tanto as actividades relacionadas coa limpeza, cos traballos de recollida e eliminación de residuos e a desinfección ven impulsadas, do mesmo xeito que as  actividades administrativas vinculadas á xestión de chamadas polo estímulo do comercio en liña. 

Tics, actividades de programación e consultoría informática atopan tamén un oco, animadas polo auxe do teletraballo e da ciberseguridad. A provincia da Coruña concentra neste caso un gran dinamismo con 2 de cada 3 novos empregos rexistrados no sector que, por outra banda, segue demandando perfís emerxentes en materia de big data, desarroladoras e desarrolladores de aplicacións de realidade virtual ou traffic márketing product manager, cuxa misión é xerar tráfico web dentro da xestión dun plan de medios dixital.

Dependencia, servizos sociais relacionados coa atención en institucións e a domicilio crean emprego. Tamén as telecomunicacións, os servizos técnicos de enxeñería e a loxística e distribución, esta última moi vinculada co estímulo do comercio en liña e o auxe das entregas de comidas a domicilio. 

Existe outro grupo de actividades cunha tímida evolución positiva no actual escenario de crise sanitaria como a industria farmacéutica, a industria química, a investigación e desenvolvemento, as actividades de seguros e a industria do papel

Compartir