- O programa Aprol Economía Social segue aberto ata o próximo 30 de setembro, e as axudas increméntanse nun 25 % no caso de persoas emigrantes retornadas
- Apóiase a incorporación de novos socios traballadores con axudas que poden alcanzar os 67.500 euros por entidade e ata 16.500 para cada novo socio ou socia
As cooperativas e as sociedades laborais convertíronse nun modelo crecente e en auxe na chamada economía social. Nel poden atoparse firmas tan relevantes como Clun, formada por Melisanto, Feiraco e Os Irmandiños, ou Coren. Un sector no que, se estás pensando en volver a Galicia, podes atopar un emprego.
Para iso, algunhas iniciativas como o programa Aprol Economía Social priorizan aos emigrantes retornados, incrementando un 25% os seus apoios.
Este programa conta con dúas liñas destacadas. A primeira, destinada ás cooperativas e as sociedades laborais para que incorporen persoas socias traballadoras. E por outro lado, apoiando directamente ás persoas desempregadas ou traballadoras temporales que desexan acceder á condición de socias nestas entidades.
Prevese que coa convocatoria deste ano póisade chegar ata as 100 cooperativas ou sociedades laborais beneficiarias, que poderán incorporar ata 250 novas persoas socias traballadoras. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto aquí ata o 30 de setembro, e poderán concorrer todas as incorporacións que se produzan entre o 2 de outubro de 2019 e o 14 de novembro de 2020.
As axudas ás que poderán optar as cooperativas e sociedades laborais son de entre 6.000 e 16.500 euros por cada persoa que incorporen a tempo completo, sexa desempregada, traballadora temporal da propia entidade ou socia a proba desta. Unha soa entidade podería chegar a percibir ata 67.500 euros por esta liña de axudas.
Pola súa banda, as persoas que queiran acceder como socias traballadoras a unha cooperativa ou sociedade laboral, poderán percibir unha axuda de entre 6.000 e 16.500 euros (en función do capital social que teñan que aportar á entidade) se se incorporan a tempo completo. Poden optar a esta subvención as persoas desempregadas, asalariadas (fixas ou temporaies) da entidade ou socias a proba, así como as traballadoras doutro tipo de empresas que se transformen en cooperativas ou sociedades laborais.