• O Certificado de Emigrante Retornado (CER) é un documento que debes solicitar se regresas dun país que non sexa da Unión Europea, Espacio Económico Europeo (Noruega, Islandia e Liechtenstein), Suiza ou Australia, e que é imprescindible para a túa inserción laboral.
28
Sep
2019

Con este documento acreditas a túa condición de cidadán español que emigrou para traballar e que regresa definitivamente ao seu país.

O CER recolle a data da última saída de España, a data de retorno, o tempo traballado no país ao que emigraches, o tempo de ocupación cotizado, e información de que como traballador non tes dereito á prestación por desemprego no país do que volves.

Para que serve

Este documento é necesario para que podas participar nas convocatorias de axudas ante as administracións estatais, autonómicas e locais. Por exemplo, debes tramitalo para solicitar algunha destas prestacións, e se reúnes os requisitos establecidos en cada caso:

  • A prestación por desemprego de nivel contributivo.
  • O subsidio por desemprego para emigrantes retornados
  • A renta activa de inserción.

É recomendable que pidas o certificado nada máis regresar a Galicia, porque ten unha validez de dous anos. 

Documentación

Podes solicitalo ante a Área de Traballo e Inmigración da Delegación ou Subdelegación do Goberno acreditando os seguintes puntos:

  • DNI ou pasaporte en vigor.
  • Ter a nacionalidade española durante o tempo traballado no estranxeiro. 

No caso de fillos e netos de emigrantes, para un primeiro retorno a España para fixar a súa residencia permanente, terase en conta a actividade laboral desde que adquiriron a nacionalidade española sempre que estean inscritos no Rexistro de Matrícula Consular.

  • Data da última saída de España, mediante presentación de pasaporte ou documento xustificativo.
  • Data do retorno a España, probada co billete de avión e o pasaporte cos selos de saída e entrada. A baixa no Rexistro de Matrícula Consular non é proba suficiente.
  • Traballo realizado no estranxeiro e duración do mesmo acreditados mediante contratos, certificados ou cotización á Seguridade Social, debidamente legalizados antes do retorno.
  • Declaración responsable do país de orixe de que non percibes prestación por desemprego.

No caso de que retornes dos países da UE, Espacio Económico Europeo, Suiza ou Australia (con autorización de residencia permanente neste país) non necesitarás o CER para acceder á prestación de desemprego porque acreditarás o teu traballo no exterior a través dos seguintes formularios:

  • Formulario U1 se procedes da UE ou Suiza.
  • Formulario E301 se procedes de Noruega, Islandia ou Liechtenstein.
  • Formulario “Verification of working life residence in Australia” se retornas de Australia con residencia permanente.

 

Compartir