• Bosques sen Fronteiras está a promover o concurso ao que, con máis de 260 anos de historia, postúlase este carballo como elemento vexetal emblemático de Compostela
16
Nov
2021

O Carballo de Conxo, un dos emblemas da nosa historia contemporánea, postúlase como Árbore Europea de 2022. Con máis de 260 anos de antigüidade, é a árbore máis veterana do histórico Bosque do Banquete de Conxo. Álzase ao pé dunha das sendas dun espazo natural situado ao sur de Santiago de Compostela. O lugar abriuse ao público 2018, despois de estar inaccesible durante 133 anos, en concreto desde 1885, data na que a leira orixinal onde se empraza, de máis de 20 hectáreas e bañada polo río Sar, destinouse a espazo só para internos do entón modernísimo Manicomio de Conxo.

Neste marco, o organismo europeo Bosques sen Fronteiras está a promover o concurso para elixir a Árbore Europea 2022, nomeamento ao que se postula o Carballo de Conxo como elemento vexetal emblemático de Santiago de Compostela. Ao seu lado paseou no seu día a propia Rosalía de Castro, sendo así un dos emblemas da historia contemporánea de Galicia.

Toda a colectividade galega do exterior está convidada a apoiar esta candidatura a través da ligazón: https://arboleuropeo.es/votacións-arbol-do-ano-en-espana-2022/. O Carballo de Conxo é o único candidato galego a este premio.

A nosa árbore está ao pé da entrada en Santiago do Camiño Portugués de peregrinación. A 200 metros da coñecida como 'Fonte da Virxe da Concha', importante lugar de culto e peregrinación, xa citado por Tirso de Molina no século XVII, e a 300 metros do Mosteiro de Conxo, que conserva un claustro románico do século XII.

Ao redor do carballo, en todo este Bosque do Banquete de Conxo, reuníronse en 2019 ata 5.000 persoas na segunda edición dunha multitudinaria romaría que celebraba a apertura deste espazo natural despois de máis dun século. 

Pero máis aló diso, o carballo como a propia Rosalía lémbranos, é a nosa “árbore patria”, o símbolo de Galicia e da súa natureza de bosques sen fin. E Compostela, non só una das cidades de España con máis metros cadrados de zonas verdes por habitante, senón o lugar de peregrinación por excelencia neste ano Santo Xacobeo. 

Compartir