- A obra mestra de Xosé Neira Vilas publicouse en Buenos Aires en xaneiro de 1961 e revalidou o seu posto entre as dez publicacións máis vendidas por Galaxia en 2020
Memorias dun neno labrego, obra mestra de Xosé Neira Vilas, acaba de cumprir 60 anos. E faio manténdose como referente da literatura da nosa terra. Unha obra que, como destacaba o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez no acto conmemorativo, representa "o orgullo pola lingua e a querenza pola literatura desde a infancia", o que lle permitiu converterse na obra máis lida e traducida da literatura galega, best seller e símbolo universal.
Durante o acto -que tamén contou co presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e do presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal- destacouse a vixencia dunha obra que segue presente nas escolas e centros de ensino e entre os centos de lectores que aínda hoxe segue cultivando en todo o mundo.
Neste sentido, a novela suma 35 edicións e máis de 700.000 exemplares, e foi traducida a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, ucraíno, búlgaro, o esperanto, o checo, o maya ou o ruso e á súa edición en Braille, o que o converten no libro escrito en galego máis traducido e editado.
Herdanza artística
Deste xeito, seis décadas despois da súa publicación e un lustro desde a morte de Neira Vilas, Memorias dun neno labrego -que saíu da imprenta da editorial Follas Novas de Buenos Aires en xaneiro de 1961- segue revalidando o seu posto entre as dez obras máis vendidas en 2020 pola Editorial Galaxia. Ademais, numerosas adaptacións e iniciativas sociais, editoriais, teatrais, audiovisuais, musicais e pictóricas configuran e completan o universo Balbino, a herdanza artística do autor de Vila de Cruces máis universal.