• Aproximadamente 1.400 alumnos poderán matricularse nos proxectos de FP Dual, que se distribuirán en 49 centros de toda Galicia coa colaboración de 374 empresas
  • A maioría de másteres ofertados son de carácter técnico, sobre materias como a ciberseguridad, o 5G, a fabricación intelixente, o desenvolvemento de videoxogos e o mantemento de vehículos híbridos e eléctricos, ao que se suman outros como panadería e bolería artesanais
21
Jun
2021

Galicia reforzará a súa aposta pola FP para partir do próximo curso. Así, un total de 21 centros educativos ofertarán 13 másteres de Formación Profesional (FP) que dispoñerán de 540 prazas para estudantes titulados de ciclos medios e superiores. Cifras que supoñen un novo "fito" da FP na nosa terra.

Estes másteres cursaranse en 21 centros específicos repartidos en 27 grupos de 20 alumnos cada un, que estarán esparexidos por Culleredo (2 clases no futuro CIFP Universidade Laboral) e as sete cidades galegas: Vigo (6), A Coruña (4), Ourense (2), Lugo (5), Santiago (2), Pontevedra (2) e Ferrol (4). Terán unha duración que oscilará entre as 300 e as 720 horas, en función da opción escollida.

A maioría dos másteres ofertados son de carácter técnico, sobre materias como a ciberseguridad, o 5G, a fabricación intelixente, o desenvolvemento de videoxogos e o mantemento de vehículos híbridos e eléctricos, ao que hai que sumar outras como panadería e bolería artesanais.

Desde o Goberno galego, o titular de Educación, Román Rodríguez, destaca que se trata de áreas que "lles van a abrir aos estudantes as portas dos traballos do futuro", ademais de permitir que as empresas do sistema produtivo galego "poidan ter persoas máis formadas" e ser "máis competitivas".

A aposta pola FP dual 

Neste marco, Galicia tamén reforza a súa oferta de FP Dual do próximo curso, cunha previsión de alcanzar os 163 ciclos en 57 centros, cuns 2.300 matriculados e coa colaboración de 571 empresas. En tota, 99 proxectos serán totalmente novos en 49 centros, que poñerán ao dispor do alumnado 1.400 prazas en total, coa colaboración de 374 compañías adheridas.

Entre as iniciativas que se engadirán á oferta do próximo curso 2021/22, están os FP Duais en sectores como o agrario, o comercio e o márquetin, a fabricación mecánica, a hostalería ou a sanidade.

Esta opción formativa estenderase ata a trintena de concellos de toda a xeografía galega, involucrándose nos proxectos non só as grandes firmas, senón tamén pequenas e microempresas.

Tanto para os novos másteres como para o FP Dual, o prazo de admisión do alumnado abrirase o vindeiro venres 25 de xuño.

Unha década de evolución 

Durante a última década a nosa terra viu como se incrementaban os centros integrados -de 11 a 23-, os viveiros de empresas -de 6 a 26- e de alumnos -un 60% máis-.

Un marco no que cabe destacar que os ciclos contan cunha inserción laboral de máis do 85%, que supera o 90% no caso da FP Dual. 

Neste marco, e como subliña Román Rodríguez, a Formación Profesional configúrase hoxe en día como unha oportunidade en Galicia, "lonxe dos tempos nos que era percibida como unha alternativa de segunda".

Compartir