• O centro irá un paso por diante no cambio metodolóxico e emprego de novos recursos didácticos, para reforzar a posición da nosa terra á vangarda do ensino
09
Sep
2022

Galicia non quere quedar atrás ante a revolución dixital na que estamos inmersos. Así, e para anticiparse aos futuros cambios no ensino, a nosa terra poñerá en marcha no terceiro trimestre deste ano no Edificio Fontán da Cidade da Cultura o Centro de Innovación Educativa Dixital, unha nova infraestrutura que traballará na formación do profesorado e no desenvolvemento de estratexias educativas dixitais para a transferencia a todos os niveis educativos.

Este centro, pioneiro no Estado, pretende ser a punta de lanza do sistema educativo galego, en palabras do director do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), Anxo Rodríguez Sánchez, que advertiu de que os próximos anos serán "tremendamente cambiantes" no ámbito tecnolóxico. "O sistema educativo non pode esperar que os cambios tecnolóxicos que veñan pásennos por diante, temos que estar preparados", engadiu.

Para iso, neste centro, iranse definindo estratexias para futuros cambios e incorporacións ao sistema educativo, tanto ao ámbito tecnolóxico e dixital como á aplicación das innovacións ao conxunto do ensino e mesmo ao mobiliario ou a distribución das aulas. Tamén actuará como plataforma de "formador de formadores", para trasladar estes contidos aos docentes. "Para que a innovación chegue aos centros, ten que haber competencia no profesorado", explicou.

Neste marco, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, explica que o Goberno galego quere "comezar este novo curso académico reforzando a aposta por un modelo educativo apoiado na innovación pedagóxica, na modernización do sistema e na investigación, apostando por un modelo de presente e de futuro". "Dentro desta aposta, un dos grandes proxectos é este centro, que está chamado a converterse nun lugar de referencia para mestres e centros de toda a rede educativa de Galicia, xa que del emanará a nova visión que queremos imprimir por toda a contorna educativa", argumenta.

Esta nova infraestrutura está enmarcada na Estratexia de Educación Dixital 2030, que fomentará unha nova visión da educación con protagonismo expreso das competencias dixitais, da innovación e da cooperación. Coa activación deste centro, Galicia completa un proceso no que foi pioneira a nivel nacional ao presentar a iniciativa, e que sitúa á nosa Comunidade na liña doutros países europeos como Alemaña ou Dinamarca.

Funcións do novo centro 

O novo Centro de Innovación Educativa Dixital analizará as tendencias educativas, identificará as necesidades pedagóxicas do sistema e ofrecerá solucións innovadoras. En resumo, funcionará como un catalizador de innovación pedagóxica, o órgano encargado de identificar, diagnosticar e obter conclusións sobre a realidade educativa e de transferilas aos mestres.

Situado no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, a súa posta en funcionamento redundará na modernización do sistema educativo e na mellora da cualificación do profesorado. Ademais, será un punto de encontro entre as universidades de maxisterio e os centros educativos, promovendo novos proxectos.

O centro será, ademais, a pedra angular da formación docente no que se refire ao cambio metodolóxico, potenciando o desenvolvemento das competencias profesionais docentes mediante a posta en práctica de actividades e programas formativos, ámbito no que colaborará de forma estreita coa Rede de Formación do Profesorado. Neste sentido, nel formaranse formadores de docentes que despois prestarán servizo na rede.

No campo da investigación, o centro conta con espazos nos que se van a realizar prospeccións, indagacións e investigacións das tendencias que no futuro máis inmediato poden ir configurando os sistema educativos, de tal forma que Galicia poida ir un paso por diante neste aspecto

Compartir