• A Ribeira Sacra é finalista para optar en 2021 ao recoñecemento da Unesco, que xa teñen na comunidade o Centro histórico compostelán, o Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules
01
May
2020
Paisaxe da Ribeira Sacra
Paisaxe da Ribeira Sacra
Viñedos na Ribeira Sacra
Viñedos na Ribeira Sacra

É algo único que só podes contemplar en Galicia. Unha paisaxe inmensa de escarpadas ladeiras sembradas de viñedos, dous ríos, o Miño e o Sil, e séculos de historia nas pedras dos seus mosteiros. É Galicia, é a Ribeira Sacra, un patrimonio de todos os galegos e cada vez máis cerca de ser Patrimonio da Humanidade en 2021. Unha distinción da Unesco que xa ostentan catro bens galegos. O casco histórico de Compostela, en 1985, abríu a lista, seguido do Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules coruñesa, a última en conseguilo, en 2009. 

O próximo ano, coincidindo coa celebración do Xacobeo, podería sumarse a Ribeira Sacra, oficialmente finalista e candidata galega e española, segundo acaba de comunicar a Unesco. 

A candidatura competirá con outras 22 do resto do mundo, pero para Galicia ten todas as de gañar. Porque quen coñeza a Ribeira Sacra, quen recorreu en catamarán o cañón do Sil e mirado cara arriba e pensado no traballo dos heroicos viticultores cultivando as vides nesas terrazas, desafiando a gravidade; quen contemplou desde o claustro as pedras do mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil; quen se imaxinou alí a romanos, monxes benedictinos, protagonistas de 1.500 anos de historia; xa sabe que é un lugar único. 

Unha zona da Galicia interior, de Lugo e Ourense, cun valor universal excepcional e testemuña da cristianización do occidente de Europa. Sabías que alí se desenvolveu un movemento de eremitas e anacoretas que ocuparon os vales do Sil e do Miño? A implantación monacal deu lugar a conxuntos arquitectónicos de extraordinaria singularidade que non se deben deixar de visitar. Empeza por descubrir a Ribeira Sacra aquí e aquí.

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil, Ribeira Sacra, Galicia
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil, Ribeira Sacra, Galicia

Queres saber máis?

O casco histórico de Santiago de Compostela inaugurou a lista de bens galegos Patrimonio Mundial da Unesco. Fíxoo en 1985, un conxunto de igrexas, conventos, prazas, de pedras centenarias, liderado por unha Catedral de Santiago con 800 anos de historia, un conxunto arquitectónico cunha beleza que nin a Unesco nin ninguén podería ignorar. Aínda que chova. Porque, percorreches algunha vez as súas rúas? Coñeces San Martín Pinario, Praterías, A Quintana?

Unhas rúas ás que chega un Camiño, o de Santiago, recoñecido en 1993 como un rooteiro tradicional de peregrinación e ao que se uniu en 2015 a inclusión como Patrimonio dos Camiños do Norte.

É outro dos protagonistas do próximo ano, porque o Camiño traerá a Santiago a medio millón de peregrinos, unha oportunidade histórica, o Año Santo, que nestes tempos se fai imprescindible para por en valor o patrimonio e a cultura de Galicia a nivel internacional.

Camiño de Santiago, Galicia
Camiño de Santiago, Galicia
Catedral de Santiago, Galicia
Catedral de Santiago, Galicia

E como peregrinos, se seguimos o Camiño Primitivo, un dos recoñecidos en 2015, e a case 100 quilómetros da praza do Obradoiro, atópase a Muralla romana de Lugo, a única do mundo que se conserva enteira e que lle valeu ser Patrimonio da Humanidade no ano 2000. Con máis de 2 quilómetros e 10 portas, din que podes sentir o poder de Roma e dos seus 17 séculos de historia se camiñas polo alto da muralla, un poder que elevan as súas 71 torres (85 en orixe). A lenda conta que os romanos a construíron para protexer non a cidade de Lugo, senón un bosque, o “Bosque Sagrado de Augusto”, en latín “Lucus Augusti”, un misterio o do bosque que deu nome a unha cidade.

Romano tamén é, do século II d.C. e tamén desafía ao paso do tempo o faro símbolo da Coruña.

A Torre de Hércules, declarada Patrimonio Mundial da Unesco en 2009, é o faro máis antigo en funcionamento do mundo.

Ao longo dos séculos a Torre foi castelo defensivo, fortaleza, canteira, foi abandoada, reconstruída, foi e é unha testemuña da humanidade, á que guiou e guía coa súa luz. Agora lle toca iluminar o camiño da Unesco ata a Ribeira Sacra.

Muralla de Lugo, Galicia
Muralla de Lugo
Torre de Hércules de A Coruña
Torre de Hércules de A Coruña
Compartir