• A Universidade de Vigo incorpora en xaneiro de 2022 uns estudos pioneiros na nosa terra, que se impartirán de modo virtual a través de Campus Remoto abrindo "o espectro de participantes a toda España e mesmo Latinoamérica"
19
Oct
2021

O informe Galicia 2030: Proposta de novas titulacións, elaborado para o Sistema Universitario de Galicia, sitúa á ciberseguridade no ámbito industrial como un nicho laboral de futuro que demanda unha formación específica. Estudos que agora chegan á nosa terra coa posta en marcha do título propio de especialista en Ciberseguridade Industrial que acaba de ser aprobado pola Universidade de Vigo.

A docencia, que arrincará en xaneiro de 2022, oferta 30 prazas para unha docencia que será totalmente virtual a través de Campus Remoto, co obxectivo de abrir "o espectro de participantes a toda España e mesmo Latinoamérica", subliña José Ignacio Armesto, coordinador dos estudos xunto ao tamén docente Miguel Díaz-Cacho, ambos os do departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática.

Este é un título único en Galicia que nace cunha oferta inicial de 30 alumnos. Segundo Arnesto o curso pretende "cubrir o oco que hai entre os perfís formativos industrial e das tecnoloxías da información e comunicacións, xerando un novo perfil especialista en ciberseguridad industrial".

Esta profesión está cada vez máis demandada polo sector, xa que a industria 4.0 implica un incremento substancial da conectividade nas empresas tanto entre as liñas de produción e as máquinas, como entre as máquinas e os sistemas de xestión de produción.

A iso hai que sumar a conectividade a través de Internet para ofrecer servizos de mantemento e captación de información das máquinas.

Neste escenario xorden riscos e vulnerabilidades novos que han de ser xestionados adecuadamente adoptando as medidas de protección necesarias para evitar ciberataques, perdas na propiedade intelectual das compañías ou mesmo a paralización da produción.

Compartir