• Medio centenar de grupos e solistas galegos gravan no Museo Centro Gaiás un novo programa musical que será emitido durante 2021
03
Sep
2020

O ciclo de concertos 'Galicia Emerxe', iniciativa de promoción e difusión de solistas e bandas galegas tras o impacto da pandemia, acaba de comezar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia de Santiago de Compostela.

Ata finais de setembro, 50 directos de artistas galegos de media hora de duración individual serán gravados en un atractivo formato audiovisual, e emitidos ao longo do ano 2021 en TVG e Radio Galega con motivo do Xacobeo 2021. 

'Galicia Emerxe' é parte do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico que está a impulsar a Comunidade fronte aos efectos do Covid-19. A iniciativa busca ofrecer aos artistas unha nova plataforma de promoción do traballo mediante un atractivo formato audiovisual, deseñado para a súa emisión televisiva e a súa posterior difusión en liña.

 

Rock, folk, pop, fusión… unha ampla variedade de estilos daranse cita nos concertos de 'Galicia Emerxe', no que figurarán artistas tan coñecidos como Xoel López, Luar na Lubre, Novidades Carminha, Susana Seivane, Mercedes Peón ou Triángulo de Amor Bizarro, que comparten programa con outros que están a despuntar no panorama musical galego, como High Paw & Elephant Yards, Xoana, Blanco Palamera, Faia, Boyanka Kostova, Laura LaMontagne ou Pauliña, entre moitos outros.

Intervención dos protagonistas

O espazo musical desenvolverase ao longo de 50 programas duns 40 minutos de duración que, ademais dos concertos, incluirán a intervención dos seus respectivos protagonistas para falar sobre a súa traxectoria e os seus proxectos máis inmediatos.

As bandas e solistas foron seleccionados por unha comisión artística de entre máis de 700 propostas recibidas, atendendo a criterios como a traxectoria artística, a actividade recente ou a perspectiva de xénero. “De aí, que contemos cunha antoloxía moi compensada en canto a estilos musicais, a presenza de artistas moi consagrados, dentro e fóra de Galicia, xunto a talentos emerxentes que xa están a dar moito que falar”, expón o conselleiro de Cultura e Turismo.

 

'Galicia Emerxe' é tamén un sopro de aire fresco para a industria musical. Non en balde, ademais das 41 axencias de contratación galegas a través das que participan os 50 artistas seleccionados, o programa mobiliza 21 empresas de servizos musicais, así como máis de 20 técnicos de son dos propios grupos. Neste sentido, están implicadas áreas como produción, son, iluminación, realización e edición de vídeo, deseño gráfico e visual, construción efémera, escenarios e estruturas, hospitalidade, backline, comunicación e, especialmente ante a actual situación, seguridade e prevención de riscos laborais para garantir tamén un estrito protocolo hixiénico-sanitario dos equipos artísticos e técnicos.

Antoloxía de Galicia Emerxe
Os grupos e artistas que pasarán ao longo das próximas semanas polo escenario de Galicia Emerxe no Museo Centro Gaiás son, por orden alfabética: A Banda da Loba, Abraham Cupeiro, Alejandro Vargas, Ataque Escampe, Bala, Banda Crebinsky, Blanco Palamera, Boyanka Kostova, Budiño, Caldo, Dakidarría, De Vacas, Eladio y Los Seres Querido, Faia, Familia Caamagno, Fernando Barroso, Furious Monkey House, Germán Díaz & Benxamín Otero, Ghost Beast, High Paw & Elephant Yards, Holywater, Laura LaMontagne & PicoAmperio, Luar na Lubre, Marcos Teira, Margarita Mariño, María Toro, Mercedes Peón, Mounqup, Novedades Carminha, Pablo Lesuit, Pauliña, Presumido, Rodrigo Romaní, Santi Araujo, Sés, Silvia Penide, Son Trío, Sumrrá, Susana Seivane, Talabarte, Tanxugueiras, Terbutalina, The Soul Jacket, Triángulo de Amor Bizarro, Wöyza, Xan Campos Trío, Xoana, Xoel López e Zënzar.
Compartir