• A nosa terra impulsa con Portugal un proxecto innovador que aspira a transformar estes restos en aceites de peixes ricos en omega 3 ou en hidrolizados proteicos
30
Jun
2021

Darlle unha segunda vida aos residuos do sector conserveiro. Ese é o obxectivo dun proxecto conxunto entre Galicia e norte de Portugal cuxos resultados, por agora, apuntan a un "alto potencial de negocio", segundo destacan os seus responsables. Así o explican o enxeñeiro químico Álvaro Silva, do centro tecnolóxico Cetaqua, e a responsable de transferencia Noelia Vilar, da fundación empresa-universidade galega Feuga, dúas dos socios desta iniciativa, que se denomina 'Conserval' e arrincou en abril de 2019.

'Conserval' márcase como reto desenvolver tecnoloxías para a valorización de subproductos e augas residuais do sector conserveiro en Galicia e o norte de Portugal. En concreto, pretende transformar estas correntes sólidas e líquidas en produtos de maior valor engadido e cun potencial de negocio, como ácidos graxos volátiles específicos, aceites de peixe con elevado contido en Omega 3 e hidrolizados proteicos con alto valor. 

"Ata os anos 80 a xestión destes residuos era moi deficiente. A lexislación avanza e o obxectivo agora non é só limpar, senón recuperar os compoñentes", destaca Álvaro Silva desde Cetaqua.

De feito, xa implantaron un prototipo nunha conserveira en Vilanova  de Arousa e, aínda que o proxecto está en fase experimental, os resultados son esperanzadores.

Segundo explica Silva, dividen os traballos a tres escalas: moi pequena, con mostras que levan a laboratorio para determinar o máximo de produción posible; pequena, na que xa se fan experiencias en continuo, 24 horas durante os sete días da semana, para ver se é factible a nivel industrial; e nunha industria, como é o caso da fábrica arousá.

Pola súa banda, Feuga busca "transferir" estes resultados ao mercado. Para iso, segundo resalta Noelia Vilar, é fundamental "concienciar" tanto ao sector, que necesitará facer investimentos para implementar estas novas tecnoloxías de aproveitamento, como a outras empresas que serán as que poderán utilizar os produtos que se obteñan, e tamén ao consumidor.

Todos deben ver "os beneficios a longo prazo e para o medio ambiente", segundo remarca esta responsable da fundación empresa-universidade galega.

O que se extraia dos residuos do sector conserveiro "non chegará ao supermercado en ningún caso", senón que serán elementos que se poderán empregar para confeccionar bioplásticos e herbicidas ou en ámbitos como o cosmético, o da alimentación animal ou mesmo o farmacéutico.

O reto é "conseguir calidades", debido a que, por exemplo, o ácido acético que se consegue é o mesmo xa veña do petróleo ou de augas residuais. "A nivel práctico, é como beber auga da billa ou auga embotellada", apunta o enxeñeiro químico.

Compartir