• O mar galego representa ao redor do 50% do emprego do sector pesqueiro español. Un escenario sobre o que a comunidade avanza cara os retos que expón o futuro: a economía azul ou blue growth
  • Son moitos os proxectos que se están impulsando en Galicia. Hoxe imos centrarnos nas recentes investigacións promovidas polo Instituto Oceanográfico de Vigo
18
Jun
2020

Galicia é verde. Pero tamén é azul. Máis de 1.400 quilómetros de costa que casan o Atlántico co Cantábrico, o mar co océano, e que esconden miles de relatos. Persoais e familiares. Profesionais moitas veces. A final de contas, o mar, o noso mar, representa ao redor do 50% do emprego do sector pesqueiro español.

Unha estampa tradicional que agora apunta cara ao futuro, cara á reinvención, cara á economía azul: o chamado blue growth. A el refírese nun recente artigo o director do Campus do Mar, Daniel Rei, que lembra que “somos cada vez máis conscientes da importancia e o potencial económico dos océanos e de toda a industria marítima”.

Sobre esta base, Rei faise eco dos datvos sobre a economía azul publicados pola Comisión Europea: 5,4 millóns de empregos e un valor agregado bruto de pouco menos de 500 mil millóns de euros ao ano. Neste escenario, “Galicia ten o potencial científico necesario para promover e estimular a investigación, o ensino e a transferencia de excelentes coñecementos en ciencias e tecnoloxías mariñas”.

Son moitos os proxectos que se están impulsando na comunidade. Hoxe imos a centrarnos nas recentes investigacións promovidas polo Instituto Oceanográfico de Vigo, que permitiron profundar en campos tan diversos como o emprego das novas tecnoloxías na flota ou os descartes.

Un computador a bordo para cuantificar capturas

O uso da visión por computador a bordo dos buques pesqueiros para cuantificar as capturas a través da ferramenta iObserver é un dos artigos no que Xullo Valeiras, Esther Abad e Marta Quinzán participaron xunto a investigadores da Universidade de Vigo e do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (IIM-CSIC). O paper explica como o uso desta ferramenta nos buques de pesca pode axudar aos pescadores arroxando datos sobre áreas de maior concentración de especies.

Este dispositivo está situado sobre a cinta transportadora na zona de clasificación da pesca para tomar automaticamente fotografías de toda a captura durante a separación dos peixes. Cada imaxe é analizada usando un software de recoñecemento de imaxes de código aberto para identificar o número de individuos, a especie e a lonxitude de cada individuo baseado nos descriptores da pel (cor, textura) e a forma. O iObserver está equipado cunha interfaz gráfica e fácil de usar que axudará a definir as rexións pesqueiras.

Captura de corais

A mitigación da captura incidental de corais de augas frías e esponxas de augas profundas mediante medidas espaciais é outra das investigacións publicadas de autoría exclusiva do investigadores Centro Oceanográfico de Vigo.

Pablo Durán Muñoz, Mar Sacau, Ana García Alegre e Esther Román analizaron o uso dos datos sobre especies indicadoras dos ecosistemas mariños vulnerables, obtidos polo IEO nas campañas de avaliación de stocks de peixes de fondo financiadas pola UE, e como esta información se integrou no proceso de ordenación da pesca de alta mar no Océano Atlántico noroccidental.

Entre as conclusións destacan que a ordenación espacial (por exemplo, os peches de zonas) é un enfoque eficaz para a protección dos ecosistemas mariños vulnerables. As zonas pechadas á pesca de fondo aplicadas pola NAFO- en base aos datos obtidos nas campañas- mitigan a captura incidental das especies que definen os ecosistemas mariños vulnerables, porque impiden a pesca comercial con artes de fondo nas zonas de corais de augas frías e esponxas de augas profundas.

Esther Abad, Maria Grazia Pennino, e Xullo Valeiras focalizan noutro artigo a integración de medidas de ordenación espacial na pesca a través do estudo de caso de Lepidorhombus spp (especie do galo). Expoñen que o uso cada vez maior de medidas de ordenación espacial como as zonas de conservación ou as vedas espaciais e temporais de zonas enfróntase a novos desafíos para os administradores da pesca. De modo que presentan un marco espacial integrado para identificar as zonas nas que son máis abundantes as especies comerciais de tamaño inferior ao normal que facilitarían aos pescadores evitalas, minimizando o impacto da pesca sobre a fracción inmatura das poboacións.

Descartes

Así mesmo, Maria Grazia Pennino presenta un estudo metodológico sobre descartes, un dos temas máis importantes da ordenación pesqueira, tanto por razóns económicas como ecolóxicas. A Unión Europea ha incluído, a través do actual Regulamento da Política Pesqueira Común (PPC) da UE, unha prohibición de descartes cun instrumento bastante controvertido: facer cumprir o desembarco das capturas non desexadas como medida para promover a súa redución. No estudo os investigadores sosteñen que o axuste de métodos novos, como modelos de estatística espacial e ecosistémicos, podería ser un paso decisivo para identificar a mellor acción de xestión entre un conxunto de diferentes escenarios de xestión no contexto da aplicación da prohibición de descartes nos mares europeos.

Compartir