• Iniciamos o outono e con el unha nova proposta para coñecer Galicia. Tras visitar no verán unha decena de lugares inescusables, penetramos agora en paisaxes e escenarios máis acordes á nova estación. Hoxe, as Fragas do Eume, un lugar no que perderse mesmo en metade dunha pandemia
06
Oct
2020
Fragas do Eume. Fotos: Turismo de Galicia

Parque Natural das Fragas do Eume é de por si un dos espazos naturais máis coñecidos de Galicia, unha mostra aínda impresionante de bosque atlántico europeo, encaixado nunha zona quebrada do curso medio e baixo do río Eume. Nas zonas máis altas do parque, a matogueira chega a cubrir grandes extensións, a miúdo mesturada con piñeirais.

A mellor forma de coñecer o parque é a pé. Así, se un sabe ver, quizá descubra aos xogadores trasnos que habitan nel. Carballos, chopos, freixos, ameneiros, máis de 20 especies de fentos e 200 de liques danse aquí. Ás veces a vexetación é tan tupida que apenas deixa pasar a luz. Pero este bosque sombrío e secreto é xeneroso como as súas augas, fontes e fervenzas. Aquí non hai verde, aquí hai paisaxes de mil verdes. E escondido no corazón do bosque, o mosteiro de Caaveiro, un antigo cenobio con máis de 10 séculos de historia e unhas vistas espectaculares desta fraga máxica.

Porque fraga significa bosque con árbores de diferentes especies. Carballos e castiñeiros forman o manto caducifolio acompañados de bidueiros e ameneirosfreixos e teixosabeleiras e froiteiras silvestres; e dos perennes loureiros, acivros e érbedos. Todos forman unha heteroxénea selva na que cada especie ocupa o seu lugar. As sobreiras, por exemplo, teñen nas voltas destas ladeiras orientadas ao sur, o seu límite setentrional en Galicia. Nas ribeiras húmidas e sombrías consérvase unha ampla colección de liques, carrizas e fentos que son unha das xoias dos bosques climáticos como Eume, relictos da Era Terciaria.

O bosque soñado 

O parque ten establecidos catro portais de acceso, sen comunicación entre eles. O máis visitado é o que fixa como destino o mosteiro de Caaveiro. As ladeiras inclinadas só permiten esta entrada seguindo o curso do río a través do couto pesqueiro de Ombre, a dez quilómetros de Pontedeume. Desde o refuxio de pescadores de Cal Grande parten os itinerarios a través das fragas.

Xa gañado o alto, e visitado o mosteiro, a senda pode continuarse nunha breve baixada ata o rumor do Sesín, que desauga no Eume un pouco máis abaixo do mosteiro. Paga a pena admirar a súa bravura de pozas e fontes verdes filtradas de carrizas. O mesmo Sesín pode ser abordado augas arriba por outro itinerario diferente a este. Desde a estrada de Cabanas ás Pontes de García Rodríguez, tomando o desvío nas Neves que conduce a Gunxel cos muíños do Sesín e logo continúa cara á antiga central hidroeléctrica de Ventureira. A pista estréitase a partir de aquí nas numerosas curvas das ladeiras arboradas deste itinerario que enlaza, na beira esquerda coa estrada de Rebordelo (Monfero).

Fragas do Eume
San Xoán de Caaveiro
Fragas do Eume

Na mesma estrada Cabanas-As Pontes, xa no desvío de Goente, accédese á presa do Eume. Salienta como miradoiro privilexiado sobre o salto de auga que durante as cheas invernais se converte en fervenza debido ao deseño da comporta. Todo iso entre paredes verticais e espido granito sen que a paisaxe perda nunca o encanto da súa vizosidade.

Pola beira esquerda destacamos a visita ao mosteiro de Monfero coa súa fachada barroca axadrezada con lascas de lousa. Despois podemos penetrar no Parque onde a cola do encoro do Eume recibe ao río de Frei Bermuz en medio dunha frondosa paisaxe.

Nos altos da Serra da Loba, entre Monfero e Xermade, atopamos o Parque Eólico Experimental Sotavento dedicado á divulgación das enerxías renovables, con todo tipo de actividades, visitas guiadas e cesión de bicicletas.

Calquera das opcións é válida para continuar a viaxe. Un traxecto inesquecible no que a multitude de cores, árbores e especies quedará gravado para sempre na memoria, esperando o momento de revivir de novo a añoranza. Instante que chega nada máis deixar atrás as Fragas...

Compartir