• O Centro Demostrador TIC da Amtega ofrece sesións formativas gratuítas en streaming e en diferido para pemes e autónomos sobre comercio electrónico, teletraballo, ciberseguridad, privacidade ou márketing
21
Apr
2020

Estás na casa? Teletraballas? Aproveita as horas de peche para sacarlle partido a todas as ferramentas que tes ao teu alcance para avanzar coa túa empresa, ou reinventala nestes tempos de crise. E se tes unha idea de negocio en mente, dálle un impulso dixital, hoxe máis que nunca Galicia vai necesitar o teu proxecto

Coñeces o Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia? Durante todo este mes está programando sesións en streaming para pemes e autónomos, gratuítas, e con contidos como marketing, comercio electrónico, teletraballo, ciberseguridade ou o uso do WhatsApp na empresa e no comercio. 

Empresas e axentes tecnolóxicos referentes na comunidade están colaborando para ofrecer esta formación, que ten o formato #DemosXweb e busca fomentar o teletraballo e promover a transformación dixital das pemes.

Interésache? Pois atento, que mañá arranca unha nova semana formativa.

Se queres participar desta iniciativa que está batendo records de asistentes on line só tes que rexistrarte na web do CDTIC ou a través da súa app. A vantaxe de seguir as sesións en directo é que podes interaccionar e plantexar preguntas e dúbidas no chat, que son atendidas no momento polo ponente. As que non puideras ver en directo están dispoñibles aquí.

E que poden facer as tecnoloxías polo teu negocio? 

Por exemplo axudarte a xestionar os teus procesos administrativos cando traballas en remoto. A tecnolóxica galega Docuten será a encargada mañá ás 10.00 horas de explicarte temas como a firma dixital e a factura electrónica e o envío e firma de documentación laboral e mercantil.

O xoves 23, Computer C3 falará dunha ferramenta de teletraballo, Office 365, para que coñezas as funcionalidades de todas as aplicacións que integra e que te poden facilitar e axilizar o traballo desde casa. Ademais, a actividade incidirá na importancia da ciberseguridade e a protección de datos.

Para acabar a semana, o venres 24 o streaming estará conducido pola consultora tecnolóxica Conpas. Se queres darlle un impulso á xestión dos teus clientes e aos teus procesos comerciais non te perdas a súa presentación sobre ferramentas de teletraballo e a tecnoloxía Zoho CRM.

E pechando o mes, o 28 de abril, o enxeñeiro e consultor Rafa García axudarache a poñer o Teu Universo Dixital En Orde, TUDEO, un método para sacarlle o máximo partido aos teus recursos se es autónomo ou unha peme.

Lembra, todas as clases son de 10.00 a 10.45 horas, a organización tamén é clave se teletraballas. E se precisas máis ferramentas para seguir avanzando, o CDTIC publica nesta ligazón aplicacións e consellos para axudarte no teu día a día. Recorre a elas! 

Compartir