• Fran Álvarez, galego de 26 anos, leva 7 en Alemaña, onde hoxe en día é o presidente do Centro Centro Cultural Gallego de Cuxhaven. Desde alí cóntanos como vive a diáspora en tempos do coronavirus.
22
Apr
2020
A policía xermana vixiando a cidade de Cuxhaven.

A beiras do Mar do Norte, na boca do Río Elba, esténdese un pequeno municipio; pequeno para Alemaña, claro. Cuxhaven. Cidade principal dun distrito que apenas suma 100.000 habitantes. Unha terra basta e pouco poboada onde a calma mantense a pesar de todo. Tamén hoxe. Tamén agora, nesta rara época que nos envolve.  

Alí chegou hai uns anos Fran Álvarez, galego e cunha vida por vivir. Unha viaxe que o conduciu, con apenas 19 anos, de Pazos de Borbén á Baixa Sajonia. Cousas do destino que, como cantaba Sabina, ás veces "dáche champaña e despois chinchón".  

"Con 18 anos tiña a ilusión de estudar aviación e ser piloto, pero era imposible asumir as cantidades. Finalmente, cursei os estudos de azafato en Vigo. Pero despois un familiar afastado que vivía en Alemaña convenceume para que fose, e en tres días tiña traballo nunha empresa", relata Fran coa seguridade que dá saberse a propia vida de memoria.  

Un emprego que, no fondo, era unha ponte directa cara ao seu soño: ser piloto. "Alargáronme o contrato, podía aforrar e comecei os estudos". Pero cando estaba a saborear a champaña, o destino deulle un grolo de chinchón e as costas afastárono do soño da súa vida. "Tiven que deixalo por saúde".

O que non deixou foi Alemaña, como tantos e tantos galegos que, na distancia, estrañan a súa terra mentres que gozan do día a día. Ata o punto de que hoxe Fran é o presidente do Centro Cultural Gallego de Cuxhaven. Unha entidade fundada en 1980 por un grupo de paisanos, na súa maioría procedentes das Rías Baixas, que se foron asentando na cidade atraídos pola súa forte industria de peixe. O mar sempre como vínculo.  

Equipo de fútbol do Centro Cultural Gallego de Cuxhaven
Celebración no Centro Cultural Gallego.
Fran na Fiesta do Albariño de 2018.
Fran, en Santiago, na celebración do XII Consello de Comunidades Galegas.

A pesar de todo, Alemaña vive tamén confinada. Aínda que á súa maneira: non fixo falta decretar un estado de alarma. A chanceler pediuno, e os alemáns obedeceron. Como case sempre. Aínda que existen diferenzas por rexións. "Aquí, na Baixa Sajonia, como temos unha incidencia tan baixa, o goberno rexional permítenos visitar a familiares. Noutras zonas está prohibido", apunta Fran, quen tamén engade, aos motivos da calma, un sistema sanitario que che dá "absoluta tranquilidade", ou as medidas de seguridade no traballo: "Na nosa empresa de alimentación tiñamos 1.000 máscaras para 200 traballadores"

E claro, entre tanta cifra abafadora, entre tanta eficiencia germánica, un vai pensando que a colectividade en Alemaña, polo menos nesta rara época que nos tocou vivir, pode estar tranquila. Porque, aínda que os días seguen caendo a ambos os dous lados da Unión Europea, as cifras do drama son distintas. Por sorte, xa queda menos para todos. 

Compartir