• Galicia foi a primeira comunidade española en poñer en marcha un plan para situarse como territorio preferente no pilotaxe servizos innovadores con esta tecnoloxía
12
Jan
2022

Santiago de Compostela acollía nas últimas horas a presentación dun dos preto de 30 pilotos 5G que se están desenvolvendo en Galicia. Trátase dunha solución innovadora con aplicación no ámbito turístico que permite realizar visitas virtuais á Praza do Obradoiro desde calquera lugar do mundo en tempo real.  
 
Grazas á instalación de cámaras 360º, situadas nun lugar destacado do punto crave do turismo na cidade, retransmítese imaxes de moi alta resolución da praza e da fachada da catedral ás que, ademais, aplícanse técnicas de realidade virtual, o que proporciona ao usuario a sensación dunha visita real.
 
Calquera persoa con cobertura 5G poderá visualizar desde a súa tablet ou dispositivo móbil as imaxes 360º en tempo real e con realidade aumentada, de maneira que terán a sensación de trasladarse á mesma Praza do Obradoiro.
 
Esta experiencia pode ser un primeiro paso para adaptar as experiencias turísticas á nova realidade dixital e aos novos dispositivos tecnolóxicos, que aumentarán exponencialmente as posibilidades de oferta de contido virtual e inmersivo tanto para o turista como para a cidadanía. Así, grazas ao 5G, poderanse descargar grandes cantidades de información a gran velocidade e interactuar de forma virtual e en tempo real debido á baixa latencia da tecnoloxía. 
 
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, que participou xunto co alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo; o director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, Francisco Javier García, e o responsable de Relacións Institucionais da Zona Norte de Orange, Óscar Aragón,  lembrou que Galicia foi a primeira Comunidade que aprobou un plan para facilitar a extensión da tecnoloxía 5G.

Este posicionamento contribuíu a que o Ministerio de Economía e Transformación Dixital concedese dúas subvencións ás propostas presentadas por Orange e Telefónica de realizar pilotos 5G en Galicia que, xunto ás  que se promoveron desde o Nodo do Plan Galicia 5G, suman preto 30 casos de uso desta tecnoloxía en Galicia cun importe de 23 millóns de euros e no que participan ao redor de 40 entidades
 
A día de hoxe o 70% destes casos de uso están completados e o resto na recta final. Son usos innovadores desta tecnoloxía aplicados ámbitos como a atención sanitaria, a educación, na xestión de incendios, a industria, na automoción no audiovisual ou o turismo, entre outros.
 
Neste sentido, Mar Pereira sinalou que o seguinte paso será a avaliación destes 30 casos de uso para ver as posibilidades de incorporalos á dinámica dos servizos públicos e dos diferentes sectores produtivos.
 
Por outra banda, a directora da  Amtega lembrou que a Xunta vén de lanzar un acordo marco de 30 millóns para incorporar o uso das tecnoloxías disruptivas ao sector público, incluíndo unha fase inicial de pilotaxe e avaliación e unha fase posterior de implantación  e despregamento. O compromiso é que a tecnoloxía  que  se incorpore debe pasar, previamente, unha fase de avaliación que garanta non só a súa utilidade senón a súa sustentabilidade futura

Compartir