• Valentina Pita naceu en Venezuela hai apenas 23 anos, estudou en México e vive agora en Galicia, “punto de encontro”, espera, para toda a súa familia, e onde volveu grazas a unha bolsa BEME
17
Nov
2020

O inicio desta historia transcorre, como tantas, por un deses vasos comunicantes que enlazan Venezuela con Galicia nunha continua viaxe de ida e volta, empuxado polo tempo e polas ondas do Atlántico.

Ao carón, Cariño; ao outro, Caracas. No medio, José Andrés Pita. Un deses  galegos cuxo relato avanza dacabalo entre dúas terras: o difícil e asombroso equilibrio da emigración.

Porque José Andrés naceu alá, pero deseguido veu aquí antes de volverse cara alá. Xa saben, ir e vir para volver a ir. Un camiño no que coñeceu a Luisa nun deses momentos aparentemente intranscendentes que a vida sempre nos regala -ambos estaban a facer un curso de técnico superior-, pero que acaba cambiando o relato para sempre.

Non en balde, dese matrimonio naceron tres fillos: Jorge, Luís e Valentina, a verdadeira protagonista da nosa historia. Hoxe está aquí, onte estivo alá, e mañá quere seguir estando aquí. “Gustaríame traballar nunha empresa galega que está en Santiago”, recoñece.

Pero vaiamos por partes . Porque Valentina volveu a Galicia grazas a unha desas bolsas BEME que cada ano promove o goberno galego brindando a oportunidade, por centos de mozas da Galicia exterior, de retornar á nosa terra para cursar os seus estudos de posgrao.

“Estando alí, decateime das  BEME para fillos e netos de galegos. Optei as elas en marzo e a verdade que, cando enviei a solicitude, antes do Covid, pensaba que non se ía a dar, que non ía pasar”, rememora.

Pero deuse, e hoxe Valentina continúa desde Compostela a súa breve historia, a dunha moza de apenas 23 anos con toda unha vida por vivir, que está cursando na USC un máster en dirección de empresas.

Faio en tempos de pandemia, e con “clases presenciais” a pesar de todo. “A experiencia de emigrar é distinta co Covid, porque os mesmos compañeiros dinnos que a cidade é outra e o ritmo é diferente; que non é o escenario académico que normalmente se vive”. Algo que no fondo teñen os seus propios beneficios: “Podes centrarche máis no que viñeches facer: sacar o máster”.

Valentina Pita, becaria BEME.
O reencontro coa familia 10 anos despois

E tamén podes reencontrar á familia. “Aquí está toda a miña familia paterna: avoa, curmáns, tíos… E levaba polo menos 10 anos sen velos”, continúa Valentina coa alegría de quen se sabe de volta a casa. Porque ela, nese continúo ir e vir, xa estivera antes.

“Desde chiquita tiven a oportunidade de coñecer Galicia. Vin dous ou tres veces durante a infancia e puiden descubrir Santiago, A Coruña, distintas partes da nosa terra…”, relata Valentina, antes de describir o salto de Venezuela a México, onde foise a continuar cos seus estudos universitarios e a seguir descubrindo, sen sabelo, que significa a ‘morriña’.

Porque como ela mesma recoñece, aínda que en México tamén tiña familia, “sempre souben que quería estar en España”. “A miña meta era graduarme para virme a España, a Galicia”, continúa, para poder gozar desa terra repleta de “persoas cálidas que che reciben moi ben”.

Unha terra na que a comida, como non, tamén resulta “deliciosa”, e na que cada cana, cada refresco, cada auga, vén acompañada dunha tapa. “Descubrín que aquí hai moitas maneiras de probar distintos pratos caseiros”, resalta.

Pero hai máis cousas. “O ritmo de vida é distinto”. Aquí un ten a “oportunidade de respirar e ser produtivo sen estar excesivamente tenso”. Alá, eses momentos lévallos o “carro”; as “horas e horas” de atasco para moverse dun lugar a outro; a inseguridade de non poder saír soa pola noite. 

Vantaxes, calidade de vida, benestar… Moitas maneiras de resumir ese sentir; de querer que “papá regrese o ano próximo”, e de tentalo tamén cun dos seus irmáns, con Luís. Jorge xa está aquí, en Madrid, que non é o mesmo, pero parécese. “O punto de encontro é Galicia”. E esa frase resúmeo todo.

DESCOBRE AQUÍ TODA A INFORMACIÓN SOBRE AS BEME

Compartir