• Ana Lucía Barcia naceu en Brasil hai 48 anos, pero ben o puido facer aquí, en Santa Comba, como os seus pais, onde volveu para montar o seu propio negocio e para facer súa esa terra que tanto viviu de mocidade
22
Sep
2021

Santa Comba, como tantos outros pobos de Galicia, ten o seu pedacito de historia; un retrinco de vidas humanos que acaban por configurar un relato peculiar, o da nosa terra, o da vida facéndose a si mesma, ano a ano, golpe a golpe, coas súas peculiaridades, coas súas familias, coas súas idas e vindas. Un traxecto percorrido ao longo do último século pola diáspora, ese conxunto de homes e mulleres que un día houberon de partir, e que agora, polos motivos que sexa, volven para gozar dunha Galicia máis próspera e moderna, de vangarda, pero sempre acolledora.

Sábeo ben Ana Lucía Barcia, brasileira de 48 anos, pero “un pouco galega de alma”. Así se define ela coa seguridade que confire saberse, no fondo, dese conxunto de historias de Santa Comba, de onde eran os seus pais antes que de Brasil, onde partiron en busca do futuro que, entón, non podían conseguir aquí.

O relato, como tantos, como todos, técese contorna a ese Atlántico que se cruza unha e outra vez. “O meu avó por parte de nai partiu para Brasil, onde estivo un tempo antes de levar a un irmán, e logo a outro. Alí empezaron a traballar no que aparecía. Na colonia fixeron un grupo de coñecidos da rexión de Santa Comba”, resume Ana Lucía coa sinxeleza propia da emigración, esa que dá por suposto cousas tan difíciles como deixar atrás a túa patria e o teu presente. E engade: “O meu avó por parte de pai foise primeiro a Cuba e logo a Uruguai”. Máis diáspora, máis idas e vindas.  

E así, case sen querelo, o relato teceuse alén do azul inmenso do océano, tan lonxe e tan preto de Galicia. “Ao final, a miña familia quedaría en Brasil ata 2018”, continúa Barcia o seu relato, no que se mestura algunha viaxe de infancia e mocidade á nosa terra, antes deste volver definitivo marcado polo seu novo negocio, para o que contou co apoio da Xunta a través do programa de retorno emprendedor.

Ana Lucía, no medio, de nena en Brasil.
Na súa primeira visita a Galicia.
Durante a súa estancia en Galicia nos entroidos de 1993.

Pero vaiamos por partes. O primeiro reencontro con Galicia produciuse con apenas 8 anos. Unha estancia dun ano na que Ana Lucía chegou a continuar aquí parte dos seus estudos. Desa época apenas conserva algún recordo; imaxes que se fan máis vívidas, máis presentes, na segunda viaxe: “Volvín cando tiña 20 anos, e quedeime outros tres”.

Con todo, e a pesar de todo, o relato prosegue de novo en Brasil, onde “a vida foi pasando, pero sempre con ganas de virme de novo a Galicia”. Unha Galicia empapada de recordos e cultura xa aprendida, na Casa de España, en Río, onde “a maioría eramos galegos”, e onde “tiñamos moitos eventos que me facían sentirme como aquí: romarías, orquestras…”.

E así, talvez porque a terra tira, ou porque a alma galega pesa máis que o corpo brasileiro, Ana Lucía emprendeu a aventura do retorno. Fai apenas tres anos. Atrás deixaba presente xa pasado, coa promesa dun futuro por diante: “Estaba complicado; alí dáballe á cabeza por todo. O negocio do meu pai, o medo ao asalto sufrido, a tensión diaria por non conseguir traballo…”.

Un traballo que, recoñece Barcia, chegou xusto no momento de partir: “Pero era con desprazamento, a un sitio non moi recomendable”. Outra vez o medo, a falta de seguridade como contraposición a esa tranquilidade tan galega, descuberta naquel segundo encontro xuvenil, con vinte anos.

“Entón deime conta do que era o acougo: todo era moito máis seguro, non había comparación posible. Agora, por exemplo, estou a facer un máster, e paro o coche no aparcamento, co portelo baixado, sen problema. Alí non mo exporía”, describe Ana Lucía, que volveu a Galicia cos seus pais e coa súa irmá, un grupo ao que se sumou recentemente a súa sobriña.

En Galicia, coa súa sobriña.
De volta en Galicia.
Cos seus pais na nosa terra.

Aquí puxo en marcha o seu propio negocio, unha tenda de produtos naturais e ecolóxicos, como un herbolario, que ten previsto abrir fisicamente en Santa Comba antes de que acabe o ano. Por agora, conta xa coa súa propia páxina web: nosomundoverde.com, onde se poden adquirir estes produtos, tanto na parte alimenticia como de utensilios do fogar.

Un negocio para o que contou co apoio do programa de retorno emprendedor que cada ano promove o Goberno galego, para facilitar a volta a casa de todos aqueles que un día tiveron que partir. “Coñecín o programa por GaliciaAberta. Primeiro tentei lograr un traballo, pero estaba difícil. Son psicóloga de profesión, e a homologación do título era complicada”, expón Ana Lucía.

Faio, xa, desde Galicia, desde esa Santa Comba que un día os seus pais tiveron que deixar e á que volveron, case sen querer, medio século despois. Cousas da morriña, da diáspora, ou da alma galega que nunca deixou de existir.

Compartir