• A historia de María José Viloria Villaverde escríbese a través do azul atlántico que separa e une ao mesmo tempo Galicia con Venezuela. Ata alí foron os seus avós sen coñecerse, e ata aquí volveu ela para pechar un círculo: o seu círculo vital
24
Feb
2021

A historia de María José Viloria Villaverde, como a de tantos, comeza hai moito tempo a este lado do azul eterno do Atlántico, para estenderse, despois, á outra parte, antes de volver a estas paraxes, ou a aqueles, que máis dá. Porque o tempo o engarza todo ata facer do mundo, da emigración, da diáspora, as dúas caras dun pedacito de historia. A nosa historia.

A de Pastora López, que naceu nunha aldea de Santiago; e a de José Villaverde, que o fixo en Ames. Ambos, nos tempos nos que todo se pintaba en branco e negro e o mundo cabía nunha maleta empuxada pola fame. Sen saber aínda un do outro, marcharon a Venezuela, coa única certeza da incertidume do futuro.

Pero a vida, xa saben, é como unha caixa de bombones, nunca sabes o que che vai a tocar. E ninguén no seu san xuízo vai contradicir o sentido común de Forrest Gump. Así, sen esperalo, José e Pastora fixeron da súa unha historia á atura do mellor conto de Disney.

O inicio foi un encontro inopinado a máis de 8.000 quilómetros de casa. Logo casaron e tiveron tres fillos: María del Carmen, Pastora e José Agustín. Máis tarde, o traballo recolocounos en Maracaibo; o mesmo motivo polo que foron progresando ata montar o restaurante español ‘Os Porrones’.

E de fondo, Galicia, sempre Galicia. “O meu avó foi un dos fundadores do Centro Galego de Maracaibo”, lembra, xa en presente, María José Viloria Villaverde, verdadeira protagonista desta historia, que volveu á nosa terra para pechar o círculo, polo menos por agora. Aínda que con vocación de permanencia. 

A oportunidade das BEME

“Estou a cumprir un dos soños da miña vida. Non penso en volver”, afirma co convencemento dos seus 27 anos María José, que está a cursar un máster de Xerontoloxía entre a Universidade da Coruña e a de Santiago. Faio, como tantos, grazas ás bolsas BEME (acrónimo en galego de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior), unha iniciativa posta en marcha polo goberno galego que ofreceu xa a oportunidade de volver a casa a preto de mil novos da diáspora, fillos e netos daqueles que un día tiveron que marchar.

María José teno claro. O primeiro, terminar o máster; despois, homologar o título de médico que obtivo na Universidade do Zulia. E de fondo, no horizonte, Galicia, sempre Galicia, esa terra que, case sen sabelo, transformouna aínda coa barreira infinita do Atlántico.

“Aos dous anos xa estaba aquí. Gardo fotos vestindo de galega desde que teño meses de nada. Sinto como na miña casa porque coñezo Galicia de toda a vida”, resume María José, criada, como non, dacabalo do seu fogar e doutro fogar, valla a redundancia, o do Centro Galego de Maracaibo.

Cancións, bailes, gastronomía… Imaxes e recordos que se anudan na memoria. “Son unha galega que nacín no corpo dunha venezolana”. Un resumo perfecto para explicar tanta morriña, tanta Galicia en Venezuela ou viceversa.

Daqueles dous anos aínda acubilla na memoria os seus recordos; o peso de Galicia no corazón de calquera dos seus fillos. O pobo do seu avó, as romarías de verán, a música da banda que se eleva con esa paisaxe de fondo tan galego.

Os recordos do Apóstolo

Despois volvería con 7 anos, e a pequena nena venezolana, ou galega, que máis dá, rememora aquel período coma se fose onte. Foron 4 ó 5 meses de “comer moito polbo, moito bacallau”, de máis romarías, de compartir mesa cos irmáns do seu avó. E sobre todo do primeiro encontro con Compostela.

E que encontro na noite do Apóstolo: “O meu avó o meu levou a ver os lumes. Acórdome de todo; posme o vídeo dese día e lémbroo de ‘pe a pa’. Antes levoume a comprar uns vestidos porque iamos velo no Hostal dos Reis Católicos”.

Desde entón, e ata agora, ata as BEME, os encontros con Galicia sucédense: nos Campamentos de verán organizados pola Xunta; no Día da Galicia Exterior, en Compostela, ao que acode dúas veces co grupo de danza do seu centro; nas Escolas Abertas, como profesora desa mesma danza galega coa que creceu ata facerse muller.

E así ata hoxe, ata o presente, ata esta Galicia acolledora e tranquila, na que suceden cousas tan sinxelas e marabillosas como “ter auga 24 horas ao día”. Pero profundar nisto supoñería falar demasiado do que queda atrás, unha terra querida a pesar de todo, e da que tamén se pode ter morriña: “Boto de menos á miña familia”.

Talvez algún día poidan volver, quen sabe. Por agora María José pechou o seu círculo, o dunha historia familiar que comezou case pegada, dacabalo entre Ames e Santiago, entre dous descoñecidos que, por esas cousas do destino, da diáspora ou do século, foron atoparse en Venezuela. Unha mostra máis de que desde alí ata aquí hai só un paso. María José sábeo ben.

Compartir