- A de Anahí Iglesias Gualati é unha desas historias que ejemplifica a diáspora: unha continua viaxe familiar de ida e volta, que agora escribe unha nova páxina na Universidade de Vigo, á que esta bonaerense do 81 chegou para cursar un máster grazas a unha das bolsas BEME da Xunta
Esta é unha historia de ida e volta, de volta e ida, para acabar indo e vindo novamente. É o relato da emigración e a diáspora, que se tece case sen querer entre as ondas escuras do Atlántico, aquí e alá; entre Galicia e Arxentina neste caso.
Porque de Galicia eran Jesús Iglesias Ramos e Carolina Pérez Carrera, dous mozos galegos, de Lugo e Fonsagrada, aos que a guerra civil colleu, como a tantos, como a todos, con demasiadas cousas por facer. Tantas, que nos 50 decidiron buscar un proxecto vital en Buenos Aires, onde marcharon nunha época na que as viaxes se facían aínda en branco e negro cargado de tristeza e nubes de vapor.
Alí, que case é como aquí para un galego, levantaron a súa propia historia, que inclúe, entre outros, a Ricardo Iglesias Pérez, un dos fillos do matrimonio, que casou, tamén alí, con Alicia Gualati Canziani, antes de que ambos viñesen aquí, a Lugo, onde tiveron dúas nenas: Macarena e Anahí Iglesias Gualati. Chegamos, así, por fin, á verdadeira protagonista do relato.
Un conto que transita outra vez a través do azul eterno do Atlántico, porque Ricardo e Alicia partiron de volta cara a Arxentina cando Anahí tiña apenas tres anos. Corría o ano 84 e a emigración seguía, e segue, escribíndose a ambos os dous lados do océano.
“Desa época teño só os recordos das fotos, pero non persoais; gardo na memoria cosas que me contaron”, relata Anahí, cuxo primeiro recordo propio de Galicia é o dun frío Nadal en Lugo con 8 anos. “Era un frío intenso, moi distinto a Buenos Aires. Alí as festas do Nadal celebrámolas con humidade, en pleno verán. Lembro o agarimo co que me recibiu toda a familia e os amigos dos meus pais”.
Un agarimo recíproco que se mantén ao longo do tempo, en todas esas idas e vindas que Anahí foi levantando cos anos: “Despois vin de moza moitas veces para visitar á familia, en época de vacacións en Arxentina, sempre en contacto con Galicia e con España”.
Con todo, o groso da vida de Anahí discorre en Arxentina onde a nena deixa paso á muller, onde crece e atesoura os seus recordos, aínda agora, aínda mesmo “sen perder ese incansable “vínculo con Galicia”. Alí, en Buenos Aires, estuda Socioloxía e traballaba no Consello Profesional de Ciencias Económicas da Cidade Autónoma, na parte de recursos humanos, labor que compatibilizaba con outro emprego en temas de responsabilidade social corporativa na consultora AG Sustentable.
Pero iso, como o verbo indica, é xa pasado. O presente transcorre outra vez aquí, en Galicia, onde volveu grazas a unha bolsa BEME (acrónimo en galego de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior), que cada ano impulsa o goberno galego para facilitar a volta a casa de todos aqueles que un día tiveron que partir.
Como Anahí, que tiña “moi claro” o máster que quería facer: “Postuleime só a un, ao de Administración Integrada de Empresas e Responsabilidade Social Corporativa na Universidade de Vigo, e por sorte saíu ben”.
Agora goza de Vigo e da súa costa, dunha cidade caótica e bela por igual que non coñecía, protexida sempre polo remanso da Ría, ese “mar precioso que lle dá un encanto especial”. E faio despois de volver vía Lugo este verán, “onde teño familia”, e de celebrar na nosa terra o seu corenta aniversario.
Unha terra da que goza mentres pensa en que lle deparará o futuro. “A miña vida estaba alí, aínda que nunca perdín o vínculo con Galicia. Este ano xurdiu a posibilidade a través das bolsas e decidín postularme. Foise dando todo de maneira bastante sinxela”, continúa Anahí xa do tirón.
Atrás deixa unha vida “bastante organizada” á que non sabe se volver. “Vin pensando en facer o máster e deixar que a vida me sorprenda”, resume Anahí, tranquila a pesar de todo ante “a vertixe” que produce “tanto cambio”. A final de contas, sexa onde sexa, aquí ou alá, o seu relato continuará nese fogar común que une Galicia e Arxentina, Arxentina con Galicia. Que máis dá.