- A de Soraya María Redondo Taboada é unha desas historias tan de mozos galegos do noso tempo, sobradamente preparados pero que afrontan guións repletos de liñas torcidas. O seu, grazas ás bolsas BEME, endereitouse de volta á súa Galicia natal
Din que a vida está chea de pequenas decisións que só cobran sentido cando se bota a vista atrás. Relatouno mellor que ninguén Steve Jobs no seu soado discurso na Universidade de Stamford: “Non podedes conectar os puntos mirando cara ao futuro; só podedes conectalos mirando cara ao pasado. Por tanto, tedes que confiar en que os puntos, dalgunha maneira, conectaranse no voso futuro. Tedes que confiar en algo, o que sexa”.
Sábeo ben Soraya María Redondo Taboada, galega de 32 anos, media existencia buscándose a vida e outra media estrañando a súa Galicia, coa morriña ao lombo, refuxiada nun pedacito de maleta, confiando, esperando, desexando, poder unir os puntos cara atrás e atopar que o destino ou o que sexa tráena de volta a casa.
Un ‘o que sexa’ que, neste caso, ten nomes e apelidos: as bolsas BEME, acrónimo en galego das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, que cada ano promove o goberno de Galicia, e que esta vez permitiu a volta a casa de douscentos novos da diáspora, galegos, ou netos ou fillos daqueles que algún día tiveron que emigrar.
Soraya fíxoo por necesidade, ese lugar común que afectou a tantos mozos da súa xeración, de aquí e de alá, arrasados por unha crise económica que outros urdieron mentres eles trataban de escribir algún relato, o seu relato.
“Estudei Belas Artes en Pontevedra. Logo funme de Erasmus ao Porto e volvín a Pontevedra a facer un máster de Educación”, expón tirando deses mesmos recordos que mesturan, a intres, a impotencia: “Tentei traballar aquí, pero colleume unha época difícil. Terminei en 2012 e non atopaba traballo. Fun a Inglaterra tirándome dos pelos por estudar Belas Artes”. Primeiro punto.
Alí a historia mellora, aínda que sempre cargada de morriña. Soraya se muda a unha aldeíña británica no condado de Gloucestershire, Stroud; preto da portuaria e coñecida cidade de Bristol. Un lugar cargado de encanto, pero tamén de nubes e de choiva
“O clima era terrible”, subliña esta galega de Santiago, un lugar onde a choiva é arte. Pero a todo hai quen gana: “Pensaba que estaba afeita. A choiva podía non importarme, pero no inverno apenas había horas de luz. Ía traballar ás oito da mañá e era de noite, e volvíame a casa ás cinco da tarde e era tamén de noite”.
Alí, en Stroud, comeza como ‘Au Pair’ coidando nenos. Pero pronto dá o salto a un deses postos que levantan a autoestima e cambian o trazo do relato. “Era un estudo de arte no que traballaba para algúns dos mellores artistas do mundo, como o escultor Damien Hirst, por exemplo. Goceino moitísimo e sentinme moi orgullosa”, sorrí Soraya. Segundo punto.
A pesar de todo, e tras dous anos, xorde outra oportunidade profesional: a docencia. Comeza así a dar clases de arteterapia e cerámica nun colexio próximo a Stroud. Outros dous anos. Terceiro punto.
A volta a casa
Soraya goza de boas condicións laborais, de estabilidade e o gusto polo que fai… Pero a morriña segue axexando, escondida nun rinconcito de Stroud desde o que non pode evitar que comece a “nacer o desexo de volver a Galicia”.
“Botaba moitísimo de menos todo. Os costumes, a xente, a familia… O humor, a comida, os horarios, o ambiente. Todo”, dispara a pelacorpo a filla de Manuel Redondo e María Elena Taboada. Agora a historia acelérase, preto xa do último destino, do último punto que trabar. O cuarto.
“Comecei a buscar traballo en Galicia e non tiven sorte. Veu o coronavirus e apareceron as bolsas BEME. Apunteime e foi a miña salvación; a gran oportunidade de volver a casa, de seguir formándome, de ampliar o meu currículum”, detalla desde Pontevedra, onde cursa un máster en Dirección de Arte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Soraya conclúe o seu relato unindo todos eses puntos cara atrás, dun nun, de Belas Artes a Straud e outra vez a Pontevedra, con eternas idas e vindas de trens, avións e autobuses, que terminan por ofrecer un debuxo claro e nítido: Galicia. Un lugar do que nunca se quixo ir e ao que sempre desexou volver.