• "Antes de empezar a carreira vinme a Vigo a coñecer á miña familia e a aprender español"
  • Viviana Martínez, bolseira BEME, volveu de novo a Galicia e cursa un máster na Universidade de Vigo
31
Mar
2020
Viviana Martínez, primeira pola dereita

O día que Viviana acudiu á festa de cumpreanos da irmá da súa amiga Luize non sabía que a súa vida estaba cambiando para sempre. O relato resulta enrevesado e caprichoso, como un neno indolente e folgazán. Luize invitouna porque "era a única que falaba español perfectamente" e había que ser amable cun ds invitados: Alberto, un mozo mexicano chegado a Río por motivos de traballo e coa única referencia de Luize na súa axenda de contactos. Referencia dada, á súa vez, por un amigo de Alberto que a coñecera en Canadá, nunha desas viaxes de xuventude que buscan a aprendizaxe do inglés.

Pois ben, se aínda non se perderon, Viviana e Alberto están hoxe felizmente casados 13 anos despois daquel inicio.

Río, México, outra vez Río, Londres, e agora Vigo. Un conto aínda sen final pero que xa acumula páxinas de historia.

"Alberto traballaba na British American Tobacco. Empezou en México, e o trasladaron a Río. Alí, nesa festa, foi onde o coñecín. Despois retornou a México, a onde xa fun con el. Pero desde 2010, a guerra contra o narcotráfico recrudeceuse no país, e ao final volvimos a Brasil. No 2017 o destinaron a Londres", relata Viviana, atando recordos coa mesma facilidade coa que un hincha pela pipas.

A orixe viguesa

E así chegamos a Vigo, que non é nin Río, nin Londres, nin Monterrey (México), pero que pode que teña máis historia; ao menos para ela. Porque o de Viviana é un relato que se entremezcla a ambos lados do Atlántico e no que acaba triunfando a morriña. Os seus avós eran de Teis, un barrio obreiro da cidade olívica que se deita sobre a falda do monte da Guía. "A primeira vez que vin foi en 1997... e picoume o bichito de querer volver sempre a Galicia" 

O avó de Viviana Martínez, coa súa cuñada e a súa muller, na rúa Príncipe
Os pais de Viviana Martínez, antes de casar

E a quen non? Máis se cabe se a túa familia galega está tan arraigada que a día de hoxe continúa con "todas as celebracións na casa dos bisavós". Pero o camiño ata aquí non foi fácil. Nunca o é.

O avó de Viviana embarcou no porto de Vigo en 1953, nunha máis daquelas estampas grises, cargadas de nostalxia, de galegos que deixaban atrás á súa familia.

Nste caso, un fillo de dous anos. Baixou en Río e empezou a súa aventura laboral, aínda que non foi tan ben como esperaba. Enfermou e volveu a España, onde convenceu á súa muller para emprender unha nova viaxe cara a Brasil, facer caixa e retornar nun par de anos.

Atrás quedaba de novo o pequeno Manuel, a quen a vida e os seus caprichos deixaría sen pais moito máis tempo do previsto. En Río a familia creceu rápido: Eduarda, Avelino e Celia. Tres embarazos e tres fillos que impedían un retorno que nunca se produciu. 

Ata 1966, cando o reparto dunha herencia familiar abriu unha porta que conducía ata Galicia. O plan era volver para quedarse, pero nestas cousas de familia e testamento sempre hai problemas. Ao final tocou volver, e o pequeno Manuel, que xa non era tan pequeno, afrontou o "gran reto" da súa vida.

O pai de Viviana e a súa curmá, na praia da Punta da Guía

"Papá sempre o define así: o gran reto da súa vida. Cando o deixaron en casa da súa avoa, con tres primos, tiña só dous anos. Aí se criou. E agora tiña que empezar a vivir coa súa verdadeira familia sendo un adolescente, con tres chicos que non coñecía, pero eran os seus irmáns", expón Viviana, que apunta outras dificultades sobrevindas como a adaptación a un modelo educativo diferente ou a aprendizaxe do idioma.  

 

Pese a todo, a boa xente adoita atopar un camiño por andar, e Manuel non ía a ser unha excepción. Casou en 1978 con María Sally. Un matrimonio do que nacerían dous fillos: Viviana (1979) e Bruno (1981).

 

A primeira vez en Galicia e as BEME

 

Viviana creceu feliz en Río ata que chegou o momento de ir á universidade. "O sistema educativo alí é distinto. Se non entras á primeira na carreira, tes que esperar seis meses para empezar", explica. Medio ano que aproveitou para viaxar á orixe de todo: "Saín da saia da miña mamá e vin a Vigo a coñecer á miña familia e a aprender español".

 

E desde entón, xa saben, "o bichito de querer volver sempre a Galicia". Unha oportunidade que xurdiu de novo o ano pasado coas bolsas BEME -acrónimo en galego de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior-, iniciativa promovida polo goberno galego para traer de volta a Galicia aos fillos e netos daqueles que no seu día tiveron que partir. O programa lles ofrece a oportunidade de cursar aquí os seus estudos de posgrao.

 

Viviana é unha delas. Elexiu o Máster en Administración Integrada de Empresas e Responsabilidade Social Corporativa da Universidade de Vigo. "Rematamos as clases, pero aínda non pudimos empezar as prácticas", conta.

Cousas do Covid-19. Lle tocaba facelas nunha axencia de márketing que traballa no proxecto do Centro Comercial Vialia, en Vigo. Pero a corentena non fai distincións.

 

Mentres tanto, espera paciente na casa con Alberto, que organiza tamén en Vigo o seu futuro tras rematar en Londres o contrato coa British American Tobacco. Por diante, paciencia, como todos, pero tamén un futuro cargado de esperanza. A fin de contas, sexa o que sexa, será na terra do seu pai. A culpa a ten ese "bichito".  

 

Compartir