• Camila Jiménez naceu en Bos Aires hai 25 anos; hoxe descobre Galicia, a terra dos seus avós, grazas a unha bolsa BEME
  • Os seus avós partiron desde Vigo a Bos Aires en 1952: coñecéronse na viaxe e casaron nada máis desembarcar
07
Apr
2020
Pasaporte do avó de Camila datado en 1952

A de Camila é unha desas historias que se anudan de tal maneira a ambos lados do Atlántico, que un corre o risco de acabar perdendo o fío. Vaiamos por partes. Digamos que todo comeza en 1952, nunha daquelas grandes remesas de galegos que embarcaban cunha mestura de dor e de esperanza: a dor de quen deixa atrás a súa terra, quen sabe se para sempre; e a esperanza do que confía en que o mellor está aínda por chegar.  

Con ese estraño sentimento subiron a aquel buque, en Vigo, dous mozos galegos. Benito González Quiroga, 29 anos, natural de Punxín, unha deliciosa aldeíña do rural ourensán, situado en pleno corazón do Carballiño; e Carmen Costa Neto, 17 anos, que emprendía a súa aventura familiar desde Santiago de Compostela. Non se coñecían aínda. Pero tres meses de traxecto entre Vigo e Bos Aires, nun daqueles transatlánticos ateigados de pequenos camarotes, dan para moito. Para tanto, que casaron nada máis desembarcar.   

Logo virían catro fillos -Marisa, Ricardo, Fernando e Gustavo- e unha historia por vivir en Bos Aires. En 1993, Marisa casaría con Jorge, amigo dun dos seus irmáns, e terían outro tres fillos: Camila, Manuel e Lautaro. A familia medraba e medraba ao tempo que Benito e Carmen afastábanse das opcións do retorno.      

"Lamentablemente, os meus avós nunca volveron a Galicia", lembra agora Camila, case 60 anos despois daquela odisea familiar; unha de tantas e tantas emprendidas neses anos por galegos anónimos, capaces de desafiar ao seu propio destino para saír adiante.  

No caso de Benito, por exemplo, eran 10 irmáns, e todos se foron a Arxentina. Un detrás doutro. "Por algo somos a quinta provincia galega", subliña Camila, orgullosa da súa historia e do relato vital da súa familia, que agora a conduciu a ela, case sen querer, por eses intanxibles do destino, á orixe de todo. A ese Ourense rural e familiar.  

 

Galicia e as BEME

"É algo medio tolo", describe cargada de ledicia. "Estou a vivir a 15 minutos da casa familiar do meu avó en Punxín. Non podo imaxinarme a ilusión enorme que lles faría saber que estou aquí", continúa Camila, coa felicidade de quen logrou encaixar todas as pezas do quebracabezas.  

Algo que conseguiu grazas ás bolsas BEME -Bolsas Excelencia Mocidade Exterior-, unha iniciativa da Xunta de Galicia que cada ano trae de volta á comunidade a centos de mozos do exterior, netos ou fillos daqueles que un día tiveron que partir, para que poidan cursar aquí os seus estudos universitarios de posgrao ou de Formación Profesional.        

Camila Jiménez en Galicia
Camila Jiménez en Galicia
Camila Jiménez en Galicia

Camila optou por un master en Nutrición na Universidade de Vigo, que se desenvolve entre o campus da propia cidade olívica e o de Ourense, onde reside. Unha oportunidade que a trouxo a Galicia por primeira vez, aínda que ela mesma se autodefine como "galega para comer polbo os domingos e ver a gaita do meu avó no seu departamento". "Crieime nunha casa de comida, xestos e palabras galegos", resalta.

Una Galicia que non defraudou as súas expectativas. "Capturoume de tal maneira que a miña idea é quedarme", recoñece sen ambaxes, coa certeza de quen vive no lugar que sempre desexou: o Ourense dos seus avós.

A visita dos seus pais: o primeiro contacto coas súas orixes

Lugar e historia que descubriron tamén os seus pais. "Ningún dos dous viñera nunca. Visitáronme en febreiro. Se eu estou emocionada, imaxínate a miña nai. A primeira vez que estaba en contacto coas súas orixes. O pobo e a casa da infancia do seu pai... E o meu papá tamén é neto de galegos, os seus avós eran de Lugo", continúa Camila convencida, así o repite unha e outra vez, e non lle falta razón, de que "todo isto é algo medio tolo".  

Pero tamén algo que debe gozar. Esa Galicia da que tanto escoitou falar, coa que creceu e madurou, pero que nunca visitara. Unha Galicia da que todo lle sorprende: as grandes cidades, o rural, a proximidade, a tranquilidade... "A impagable seguridade de saber que non che vai a pasar nada".   

Todas esas cousas, e moitas outras, son as que fan que Camila o teña claro. Ao final, a terra, aínda que un non a descubrse ata cumprir os 25, tira. E moito. "Encántame A Coruña, e Vigo coa súa universidade, o seu gran hospital... Pontevedra é fermosa. Pero é que Galicia ten de todo: as praias, a natureza, a serra do Xurés, a Ribeira Sacra...", relata do tirón.  

E faino convencida de que Galicia é tan apaixonante que xa imaxina todo o que queda. As Illas Cíes, por exemplo. Ou ir á praia no verán. Xa chegará. Por agora, aínda confinada, continúa gozando a terra das súas orixes.     

Camila cos seus pais na casa da infancia do seu avó Benito, en Punxín (Ourense).
Compartir