- Belén Rosbier foi unha das primeiras beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior – BEME, e agora dirixe a asociación de Mozos Emigrantes en Galicia, esa terra, a súa terra, a terra da súa avoa, coa que a vida a foi “reconectando” aínda sen sabelo
Un pequeno recordo ilumina a mente de Belén. É como un gravado en miniatura oculto nun rinconcito da súa historia, alá atrás, lonxe pero preto ao mesmo tempo. Ela suma apenas doce anos. Na estancia, a súa avoa, uns familiares de visita e un agasallo: un libro de fotos e un disco de música. Vestixios doutra terra que a muller rexeita facendo do obsequio outro agasallo, á súa neta, a Belén, e que esconde un xesto e unha mensaxe: a dor que aínda sentía por Galicia.
“É algo que lles pasou a moitos galegos emigrados”, identifica, xa en presente, Belén Rosbier, galega de Buenos Aires ou arxentina de Santiago.
“De nena, a primeira vez que vin Santiago quedei extrañamente fascinada, e pensei: irei para un Xacobeo, irei ver o Pórtico da Gloria. Naquela época era a crise arxentina, e case nos vimos a vivir aquí. A miña avoa, Lourdes, díxome: vos non sabedes o difícil que é emigrar a outro país”, prosegue Belén co seu relato, resumindo, nun golpe de pedal de menos de catro liñas, a terrible humanidade da diáspora.
Ese ir e vir que cruza décadas nunha viaxe que recolle, ao fondo, en diminuto, o azul escuro do Atlántico, cargado de melancolía en cada onda, en cada bocanada de escuma, en cada metro cúbico de sal e auga. Un conxunto de sensacións que poden resumirse na ‘morriña’, algo máis fácil de narrar que de vivir. Porque a vida produce esas rupturas indeseadas coa terra, nas que o único remedio é o esquecemento.
Ou así o interpretou Lourdes, que primeo deixou atrás Meixonfrío, unha desas parroquias de Santiago que fan honra ao seu nome, na que os días amencen sempre con escarcha; e máis tarde A Coruña, desde onde partiu cara a Arxentina cos seus pais. Alí, en Buenos Aires, casou con Alfonso, e tiveron dous fillos Ana e Daniel.
Esta, en resumo, é a liña familiar directa cara a Belén, que une Compostela coa Raíña da Prata nunha viaxe con máis idas que voltas ao principio. “Ela retornou tres veces, pero xa de grande. Foise en 1947 e volveu nos 90. Aos poucos perde o vínculo coa comunidade galega de Buenos Aires”, expón Belén, explicando esa necesidade de esquecer por non sufrir a distancia da terra.
“Todo o que me rodeaba”
Pero Galicia, aínda sen querelo, leva sempre no corazón, na alma, nun lugar moi noso e tan humano que se transmite sen buscalo, como os xenes. “Cando morreron, volvín a Galicia, e descubrín, estando aquí, que esta terra era todo o que me rodeaba”. Así de simple, así de intenso.
Ese descubrimento consolida en Belén unha sensación de pertenza, algo “máxico” que a vai reconducindo cara a Galicia. “En 2014 tiña unha viaxe por Europa e decido vir coñecer á familia galega”. Durante eses meses, xa coa idea de facer un máster roldando a súa cabeza, unha moza de Brasil fálalle dos campos de traballo que o goberno galego organiza cada ano para os mozos da diáspora.
“Na delegación de Buenos Aires propóñenme vir de coordinadora”. Os puntos continúan uníndose. Aí coñece a unha moza uruguaia da que se fai moi amiga. Máis tarde, en marzo de 2017, convócana para a entrega das ‘Compostelas’ aos mozos que fixeran o Camiño de Santiago con outro dos programas da Xunta. Un acto durante o que o secretario de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, fala dunha iniciativa nova: as bolsas BEME (acrónimo, en galego, das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior), un programa que cada impulsa o goberno da rexión para que os mozos da diáspora cursen en Galicia os seus estudos de post grao.
“Todo se vai reconectando con Galicia”. Máis puntos unidos. “Á semana tiña que ir ver a esa amiga a Uruguai, e leveille o folleto das BEME en man, en plan ‘imos’. E a miña avoa, que estaba internada desde facía 6 meses, falece por esa mesma época”. Xa non hai dúbidas. Os puntos terminaron de unirse. “Foi todo como unha conexión mística, moi máxica”.
Ao final, case sen querelo, “Galicia se entromete e aparece sempre de súpeto na miña vida”. Unha obsesión á que Belén afíxose e que busca achegar aos demais.
Hoxe, desde Santiago -esa cidade que é como “un cuentito” e cuxo centro histórico é “o máis bonito que vin na miña vida”-, aquela estudante de máster, aquela moza que foi unha das primeiras beneficiarias das BEME, dirixe a asociación de Mozos Emigrantes en Galicia, creada por bolseiros destas Bolsas Excelencia Mocidade Exterior co obxectivo de crear lazos que favorezan a integración social en Galicia dos mozos retornados.
“Non hai que romantizar a emigración”, recoñece Belén, coñecedora de que de Arxentina tamén se pode ter ‘morriña’. Bota de menos a familia, os amigos, “pequenas bobadas” como a comida ou as lambetadas… Pero aquí, nesa Galicia que sempre sae ao seu encontro mesmo sen buscala, proxecta a súa vida a longo prazo. Unha terra que xa era súa antes de sabelo, oculta na dor oculta da súa avoa.