• Andrés Rodiño e Olalla Borrego fixeron xuntos un camiño de ida e volta que os trouxo de retorno á nosa terra, onde impulsan cada un o seu propio proxecto empresarial
28
Sep
2020
Andrés_Olalla

O verde máis escuro e mollado da choiva, incrementado polo leve rozamento dun suspiro rociero. As paisaxes devoradas de cores que transmiten o devir daquela vida. Montañas e bosques; grises, azuis e máis verdes. Pero tamén as bandeiras que se mesturan en matices similares, ansiando ter algo parecido. Talvez un pouco de historia compartida, como a do Celtic que quería ser o Celta. Ou viceversa. Mundos paralelos, que se tocan. Galicia e Escocia. Escocia e Galicia. Espellos separados con contos que se escriben a ambos os dous lados dese azul, outro azul. Desta volta, escuro e silencioso, alargándose desde o Cantábrico cara ao Golfo de Biscaia, buscando un porto e un relato.

Como o de Andrés Rodiño, de 39 anos e galego. De Portonovo para ser exactos. Que non é o mesmo que Edimburgo, aínda que podería. Ben o sabe el, coñecer de ambos os destinos. Andrés, que, como miles de mozos, cruzou ese gran azul escuro en busca de algo, talvez mellor ou talvez non. Pero en inglés, iso si. O peso do idioma. Andrés, que viviu en Escocia por 6 anos e que logo retornou ao seu Galicia.

“Funme a finais de 2012 e volvín en xuño de 2018. Quería aprender inglés e estudei turismo alí”, lembra. Unha conxugación da que saíu Rooteiro: turismo universal da nosa terra. “Outra maneira de coñecer Galicia en familia, con colegas ou simplemente só en compañía doutros rooteiros”.  

Rafting Río Miño
Rafting no Río Miño.
Ruta Isla Arousa
Ruta da Illa de Arousa.

Ao final, sempre Galicia. “O clima xa cansaba”, prosegue Andrés, que deu forma a un modelo de negocio que agora busca diversificar. Cousas do emprendimiento en época de Covid.

Pero vaiamos por partes. Sigamos con ‘Rooteiro’, unha oferta de rutas e viaxes capaces de transmitir unha parte dos segredos de Galicia. Nunca todo, por suposto. “Lembro o ano pasado a un grupo de xaponeses aos que levei a beiras do Miño, onde puideron gozar un bo viño. Estaban flipados”. E quen non.

É unha das opcións dun proxecto que ofrece unha mestura demu chas das virtudes de Galicia. Formas de vivir e goza da nosa terra: da ruta da auga, da Illa de Arousa… Pero tamén da gastronomía: do Albariño, dos sabores atlánticos desmenuzados nun taller de cociña, ou simplemente dun tour gastronómico dos que custa até escribir.

O atractivo de Galicia

“Deime conta de que había moitos recursos por explotar a nivel turístico e que éramos un territorio moi atractivo durante todo o ano”, razoa Andrés desde a atalaia dun dossier con propostas diferentes para grupos reducidos. “A idea é desestacionalizar o turismo e atraer, sobre todo, a público estranxeiro”, engade.

Olalla

Un plan algo trastornado en metade dunha pandemia. De aí a idea de diversificar. Por agora non quere dicir moito. Traballa no desenvolvemento dunha tenda online; unha alternativa a ‘Rooteiro’. “Ao final, depende de nós. Traballo e ideas sempre aí”, argumenta.

A arte e a sustentabilidade

Todo tipo de ideas. Como as da súa noiva. Olalla Borrego. De 38 anos e galega, por suposto. Vidas paralelas, de Galicia a Edimburgo e outra vez a Portonovo .

Ela comezou alí co seu proxecto: Lia B Studio. Un estudo de creación artística baseado na sustentabilidade. Cada peza elabórase de forma artesanal a través da experimentación con diferentes materiais, pondo o foco na innovación e utilización de materiais sustentables.

“A curiosidade levoume a Edimburgo, e alí descubrín a miña vocación nos cursos de xoiaría aos que asistía polas tardes á vez que me graduaba en Deseño Téxtil”, lembra.

Pendientes
Colgante

Galicia, Escocia e outra vez Galicia. Un traxecto de volta para o que contaron coa axuda do programa de apoio ao retorno emprendedor que cada ano promove o goberno galego, e que permitiu, até a data, impulsar máis de 200 iniciativas empresariais impulsadas por mozas da diáspora.

Como Andrés e Olalla. Olalla e Andrés. Que se foron en busca de algo e terminaron atopando Galicia. Outra vez Galicia. Sempre Galicia.

SE VOLVICHES A GALICIA PARA EMPRENDER: SOLICITA AQUÍ A TÚA AXUDA!

 

Compartir