- A de Iria Salgueiro Abal é unha desas historias do século XXI, cargada de ritmo e de lugares antes de retornar a Galicia grazas a unha BEME, bolsas que promove o goberno galego para traer de volta a casa aos mozos do exterior
Hai historias que van, porque necesariamente teñen que vir. Que percorren medio mundo e varios continentes antes de terminar onde todo comezou: en Galicia. Sucedía antes en branco e negro, coa morriña acrecentada daqueles vapores de chemineas xigantes que cruzaban o Atlántico en busca dun futuro, quen sabe se mellor ou peor. E sucede hoxe a outra velocidade, á que marcan os voos comerciais, a rede universal ou as novas tecnoloxías.
Un ritmo frenético que conduce á protagonista do relato de Pontevedra a Irlanda, de alí a Francia, e logo, a República Dominicana, antes de volver a Galicia grazas ás bolsas BEME, que cada ano ofrece o goberno galego precisamente para iso, para facilitar a volta a casa de todos eses mozos que un día tiveron que partir.
Iria Salgueiro Abal é unha deles. Con 21 anos licenciouse xa en Publicidade e Relacións Públicas no Campus de Pontevedra. “Entón decidín irme a Irlanda, a Galway”, unha cidade portuaria na costa oeste do país, asentada a beiras do río Corrib, na súa desembocadura no Atlántico.
“Fun cunha amiga para buscar traballo e a aprender inglés”, prosegue o seu relato coa sinxeleza do que xa andou ese camiño. Alí atopou traballo e namorouse dunha terra que, a final de contas, non é tan diferente da nosa.
Pero hai idades nas que o tempo transcorre máis rápido e a inquietude ofrece espazos que encher. “Logo funme a Francia a estudar francés”. Alí traballou como Au Pair durante un tempo antes de volverse, non a Galicia, pero si a Barcelona, desde onde desanduvo o camiño para aterrar en Eivissa.
Con todo, a viaxe non fixera máis que comezar. “Unha empresa ofreceume traballo en República Dominicana”. E que fixo Iria? Voar ata un país apaixonante no que permaneceu tres anos e medio. Un mundo distinto cun ritmo diferente; unha cultura de envoltorio similar pero de fondo por descubrir; un lugar no que tempo pasa máis amodo cada día.
“Ao principio chócache. Ou che engancha ou che volves tola. Tes que afacerche á vida caribeña”, sinala. E cando xa estaba afeita, parte daquela morriña, ou algo parecido, chamou á porta. “Coa pandemia estiven un ano e sete meses sen vir. Tiña que volver a casa, estar un tempo tranquila, aproveitar a oportunidade de traballar en Galicia”. E entón, apareceron as bolsas BEME. “Decatouse o meu pai”.
Iria non o dubidou e pechou o círculo despois de viaxar por medio mundo; literal. Grazas á bolsa estudou un máster no Campus de Ourense en Planificación e Dirección do Turismo Interno e de Saúde.
Agora non planifica a longo prazo. Nunca o fixo. Gustaríalle quedar “unha tempada”. Quen sabe. Talvez máis tarde haxa que partir de novo. Por agora goza da súa terra, de Marín, da familia, do cocido, dos ‘furanchos’ e deses pratos da avoa que, como todo o mundo sabe, non se atopan en República Dominicana. Por moito que un goce aquelas terras.