- Nerea Couto Caldelas naceu en Ferrol e licenciouse en enfermería, pero a vida acabouna levando a Frankfurt
- Despois de 5 anos e medio en Alemaña, unha bolsa BEME abriulle a oportunidade de volver a Galicia a cursar un máster en Prevención de Riscos Laborais
Renania pode parecer a menos alemá das rexións alemás. Atravesada polo Rhin; debuxada á sombra do que hoxe son Francia, Luxeburgo, Bélxica e os Países Baixos; refuxio de vales, paisaxes, pobos e castelos; fío condutor dunha infinidade de contos, lendas e poemas do romanticismo xermano.
Un espazo alegre e desenfadado, no que o sol reina moitas veces, e que esconde lugares como Siegen, que ademais dunha marca de electrodomésticos é un municipio de máis de 100.000 habitantes. Alí chegou en 2014, con apenas 23 anos, Nerea Couto Caldelas, galega e de Ferrol, que decidiu emprender unha aventura, a súa aventura, a unha idade ideal e nun país tamén ideal, polo menos no que a oportunidades laborais refírese. Aínda que a vida, como veremos, é máis que iso.
"Estiven dous anos buscando, e aquí non había un traballo con boas condicións", relata esta licenciada en Enfermaría, que non dubidou cando unha empresa alemá achegouse a Galicia con vacantes por cubrir. "Viñeron facer entrevistas, e ao final levaron a dez", lembra á vez que recoñece que esa sensación de emprender a marcha en grupo foi un dos motivos que axudou.
Antes, compartiron dous meses en Estremadura nun curso intensivo de alemán. De luns a mércores, mañá, tarde e noite. Xoves e venres, ata o mediodía. 60 xornadas de inmersión lingüística da que saíron á boia cun nivel B1. "Para defenderte dáche, pero cando de verdade aprendes é alí, traballando, no día a día", subliña Nerea.
Un día a día que a foi conducindo por Renania. Primeiro Siegen; logo Cléveris; finalmente, Frankfurt, nun dos seus hospitais. "Alí tes a oportunidade de moverte sen problema. O aspecto laboral está mellor, pero en canto a calidade de vida... para min non compensa", recoñece Nerea desde o convencemento que dan 5 anos e medio en Alemaña.
E é que ao final, a terra tira... e moito. A gastronomía, a familia, a vida social, esa alegría de vivir tan típica de aquí, que non de alá. Porque Galicia non é Alemaña, nin falta que fai. "Temos moita máis vida social. Alí hai mercadillos de Nadal, xúntanse en casa dalgún... e pouco máis", recoñece.
A oportunidade de volver
Por iso non o dubidou cando unha bolsa BEME -acrónimo en galego de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior- abriulle as portas de Galicia. Esta iniciativa, promovida polo goberno galego, trae de volva a casa cada ano a centos de mozos da diáspora que queren cursar na súa terra estudos de posgrao ou de Formación Profesional.
No caso de Nerea, foi o Máster de Prevención de Riscos Laborais que se imparte na Facultade de Ciencias Laborais, en Ferrol. Alí reside cos seus pais, Mariló e Luís, e coa súa irmá, Arancha. Outra vez en casa, aínda que sexa nesta corentena forzosa que nos tocou vivir.
"Ao principio viña máis a miúdo. Tiña máis facilidades cando traballaba na empresa. Xuntaba horas e facía un fin de semana longo porque os compañeiros cubríanche", continúa lembrando Nerea. No hospital a vida complicouse: horarios menos flexibles, quendas fixas, menos retornos a Galicia. "Viña 3 ó 4 veces ao ano", lembra.
Aínda que para matar a "morriña" recibía a visita dos seus. "Os meus pais viñeron verme, pero volvéronse conxelados. Era a época de Nadal, e os mercadillos estaban moi bonitos, pero facía moito frío", relata Nerea. Aínda que tamén recoñece que o clima, polo menos en Renania, adoita acompañar: "É máis seco, pero no verán, por exemplo, estás por encima dos 30º".
A pesar de todo, Galicia segue chamando ás súas portas. Con suavidade, como facemos sempre os galegos. Pero aí segue a terra albiscándose no horizonte de Nerea, que agora ten unha dobre oportunidade: "Teño dúas ramas por explorar. A enfermaría e a prevención en riscos laborais". Que é algo así como a vocación ou a seguridade. Pero sempre en Galicia.