Para iniciar o procedemento de homologación dun título necesitas presentar:
- Copia cotexada do documento que acredite a identidade e nacionalidade do solicitante, expedido polas autoridades competentes do país de orixe ou de procedencia, ou polas autoridades españolas competentes en materia de estranxeiría. No caso de cidadáns españois, fotocopia compulsada do DNI ou autorización para verificar os datos de identidade que obran en poder da Administración.
- Copia cotexada do título universitario cuxa homologación se solicita ou da certificación acreditativa da súa expedición.
- Copia cotexada da certificación académica dos estudos realizados polo solicitante para a obtención do título, na que consten a duración oficial, en anos académicos, do plan de estudos seguido, as materias cursadas e a carga horaria de cada unha delas.
A petición poderase resolver, de forma motivada, mediante:
- A homologación do título estranxeiro ao correspondente título español do catálogo de títulos universitarios españois.
- A denegación da homologación solicitada.
- A homologación condicionada á previa superación de requisitos formativos complementarios. Neste caso, a resolución deberá indicar de forma expresa as carencias formativas observadas que xustifiquen a esixencia destes complementos, así como os aspectos sobre os que deberán tratar.