• O Goberno galego abriu esta semana o prazo deste programa, que incorpora por primeira vez esta modalidade de ensinos dentro do programa 'Retorna Mocidade'
  • Poderán beneficiarse 54 mozos que recibirán unha bolsa 6.500€ de apoio económico para a viaxe, o aloxamento e a manutención durante o próximo curso 22-23
24
Aug
2022

O Diario Oficial de Galicia publicaba esta semana a convocatoria do programa Retorna Mocidade, a través do que a Xunta convoca 54 bolsas para a mocidade do exterior co fin de que cursen en Galicia estudos de Formación Profesional de nivel básico. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina un total de 351.000€ para o próximo curso académico 2022-23

As bolsas, dotadas con 6.500€ cada unha delas, inclúen a viaxe desde o país de orixe, o aloxamento e manutención na Comunidade galega e a subscrición dun seguro médico de ser o caso. Os beneficiarios e beneficiarias recibirán un primeiro pago de 3.700€ no primeiro trimestre do curso (co único requisito de estar matriculada ou matriculado) e un segundo pago de 2.800€ no segundo trimestre da formación. Neste caso o alumno ou alumna deberá aprobar o 70% dos módulos cursados no primeiro trimestre.

Centros e requisitos

As axudas van destinadas a cursar formación específica básica de Albañilería e fontanería no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Someso, na Coruña; e de Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións nos CIFP Universidade Laboral (Culleredo) e no Ferrolterra (Ferrol), a razón de 18 prazas en cada centro. 

A convocatoria -en réxime de concorrencia competitiva- está dirixida á cidadanía galega residente no exterior que cumpra unha serie de requisitos como ser menor de 40 anos, posuír a nacionalidade española, acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude

Ademais, é necesario ser emigrante nada ou nado en Galicia ou residir en Galicia de maneira continuada durante dez anos con nacionalidade española antes de emigrar, ou ser descendente por consanguinidade dunha persoa que cumpra algunha destas condicións e nacer no estranxeiro.  

Estratexia Galicia Retorna

Esta convocatoria, incluída dentro da Estratexia Galicia Retorna posta en marcha polo Goberno galego, busca incentivar o retorno das galegas e galegos do exterior, non só das e os emigrados, senón tamén dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos e fillas nos centros de Formación Profesional da Comunidade así como o acceso ao mercado laboral.  

Enmárcase, ademais, no paquete de accións deste tipo desenvoltas ata o momento como son as bolsas para cursar estudos de FP de grao Superior e as Bolsas de Excelencia para a Mocidade Exterior (BEME), estas últimas da Secretaría Xeral dá Emigración. 

Compartir